O informe anual elaborado por MeteoGalicia conclúe que ningunha das estacións da Comunidade superou os valores límite para a protección da saúde humana e apunta tamén a unha lixeira mellora nos resultados con respecto ao ano anterior
A Rede de calidade do aire de Galicia conta cun certificado de calidade e componse de 47 estacións, públicas e privadas, o que a sitúa por riba da media nacional
A información ofrecida por esta rede vese complementada con modelos propios da Xunta e co labor do Laboratorio de Medio Ambiente, o único centro autonómico deste tipo acreditado para facer análises de contaminantes do aire non maioritarios
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2025
A calidade do aire ambiente en Galicia o ano pasado foi boa no seu conxunto, con resultados e niveis axeitados en comparación cos criterios definidos na lexislación vixente tanto nas grandes aglomeracións urbanas como nas áreas rurais e industriais. Esta é a principal conclusión do Informe anual da calidade do aire elaborado por MeteoGalicia a partir dos resultados obtidos para distintas partículas e contaminantes analizados ao longo de 2024.
Atendendo ao marco normativo vixente en materia de protección da saúde das persoas e dos ecosistemas fronte aos contaminantes atmosféricos, os valores de concentración rexistrados nas estacións que conforman a Rede Calidade do Aire de Galicia cumpriron ao longo de 2024 con todos os requisitos legalmente definidos para manter unha axeitada calidade do aire tanto nas principais aglomeracións (A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense) coma nas zonas rurais e industriais.
De feito, en 2024 detectouse unha lixeira mellora neste eido en comparación cos resultados da análise do ano anterior e ningunha das estacións cuxos datos se tomaron como referencia para a elaboración do informe superou os valores límite para a protección da saúde humana. Ademais, ao igual que en 2023, tampouco se pasou por riba do limiar de ozono que exixe informar á poboación en ningunha destas instalacións.
Así mesmo, respecto da protección da vexetación e dos ecosistemas naturais, todas as estacións galegas capacitadas para avaliar a presenza de ozono estiveron por debaixo do valor obxectivo, incluso tamén a longo prazo.
No caso do PM10, unha das principais partículas en suspensión que poden ser inhaladas pola poboación e cuxa concentración obedece a múltiples fontes de orixe tanto natural como humano, houbo superacións puntuais do valor límite diario pero sempre en menos ocasións das que permite a lei.
En canto á evolución da concentración dos distintos contaminantes no aire ambiente de Galicia, cómpre indicar que entre 2020 e 2024, tendo en conta os limiares de avaliación para a protección da saúde humana, a Comunidade presenta unha evolución favorable con mellorías en todos os parámetros. Por exemplo, destacan as PM2,5 (de menos de 2,5 micras e integradas por unha mestura de substancias como pó, metais e compostos orgánicos derivados do tráfico e da actividade humana e industrial) xa que se entre 2020 e 2023 a poboación galega que se atopaba exposta a estas partículas por debaixo do limiar de avaliación roldaba o 72%, o ano pasado a porcentaxe subiu ata o 96%.
Por último e tendo en conta os valores límite definidos na Directiva comunitaria de 2024 sobre a calidade do aire ambiente, máis restritivos e que serán de obrigado cumprimento en 2030, Galicia parte dunha boa posición xa que a avaliación realizada aplicando os novos indicadores é bastante favorable aínda que haberá que seguir traballando nos próximos anos para avanzar en parámetros puntuais.
Cómpre lembrar que para a elaboración deste informe anual, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (responsable de protexer a saúde e o benestar da poboación a través da vixilancia, control e avaliación da calidade do aire na Comunidade) realiza un seguimento en tempo real das concentracións de contaminantes no aire.
Con tal fin, apóiase na Rede de calidade do aire de Galicia, que se compón a día de hoxe dun total de 47 estacións tanto públicas como privadas, repartidas por todo o territorio e divididas en función da principal fonte de emisión que captan (de tráfico, industriais ou de fondo) e da área na que están localizadas (urbana, suburbana ou rural).
Estes datos sitúan a rede galega por riba da media nacional e aseguran unha boa cobertura de todo o territorio desde o punto de vista do control da calidade do aire ambiente. De feito, mantense en constante mellora e actualización como demostra a incorporación en 2024 de dúas estacións industriais-rurais (as de Vilar, Lugo, e a do Monte Xalo, Cerceda) ou a incorporación á rede pública da Xunta da estación da Cabana.
En todo caso, esta rede tamén se ve complementada con modelos operados por medios propios a través de MeteoGalicia, o que permite optimizar a información relacionada coa calidade do aire. Ademais, cómpre lembrar que é a única comunidade que conta cun laboratorio propio acreditado para realizar análises dos contaminantes do aire ambiente considerados non maioritarios: o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia.