O vindeiro ano, o Goberno galego destinará 8,6 M€ a seguir apoiando ás administracións locais na execución deste tipo de obras, un 23 % máis que o orzamento destinado a tal fin en 2022
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia licitou o proxecto para levar a cabo a humanización da contorna da casa cuartel do Concello de Esgos cun orzamento inicial estimado de máis de 190.000 euros.
A actuación prevista, que será financiada conxuntamente por ambas administracións, cunha achega da Xunta do 70 % e do 30 % por parte do Goberno local, ten un prazo de execución de 3 meses. O proxecto pretende facer accesibles as beirarrúas mantendo as cotas, colocando varandas e ampliando a largura. Tamén se revisará o sumidoiro lonxitudinal na entrada dun garaxe, reporase a rega asfáltica e reorganizaranse os espazos peonís e de aparcamento coa creación de zonas verdes e aparcadoiros.
A obra acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010, co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.
Desde entón, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co obxectivo de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.
A Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando aos concellos na execución deste tipo de obras, un orzamento un 23 % maior que o reservado a tal fin en 2022.