A Xunta concede 76 axudas para a adquisición de vivendas xa construídas en 19 centros históricos por preto de 650.000 euros

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Ángeles Vázquez valora a boa acollida desta iniciativa entre a xuventude xa que o 52% das axudas foron recibidas por menores de 35 anos

Con esta medida o Goberno galego pretende seguir coidando o xa construído, que rexurdan os centros históricos e facilitar o acceso das familias a unha vivenda
 

Marín (Pontevedra), 31 de xaneiro de 2023

A Xunta concedeu 76 axudas para a adquisición de vivendas xa construídas en 19 centros históricos por preto de 650.000 euros. Segundo dixo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita a Marín, o obxectivo é “que rexurdan os centros históricos” como lugares atractivos para vivir ao mesmo tempo que poñemos en valor o rico e variado patrimonio arquitectónico, edificatorio e cultural dos concellos galegos. 

Cómpre salientar que estas axudas para a compra de inmobles en cascos históricos, recollidas no Pacto social pola vivenda de Galicia 2021-2025 e financiadas exclusivamente con fondos da Comunidade, están plenamente consolidadas e cada ano teñen máis beneficiarios. Así, a convocatoria de 2022 abriuse cunha dotación inicial de 500.000 euros e, dado o éxito, ampliouse a contía en 150.000 euros.  

Máis polo miúdo, a conselleira explicou que a contía das axudas é, con carácter xeral, de 10.800 euros, incrementándose ata os 15.000 se a vivenda se atopa nun ámbito das 7 Áreas Rexurbe declaradas en Galicia -A Coruña, Mondoñedo, Ribadavia, Tui, Ribadeo, Ferrol e Betanzos-. 

Ademais, no caso de que o solicitante teña menos de 35 anos recibirá unha axuda de 12.800 euros. De feito, Ángeles Vázquez puxo en valor a boa acollida desta iniciativa entre a xuventude xa que o 52% das axudas foron recibidas por este colectivo. 

Para poder acceder a estas axudas, a vivenda debe situarse nun centro histórico, o solicitante debe ser español ou ter residencia legal no Estado e debe ter subscrito, con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022, un contrato privado ou, se é o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda xa construída, sexa nova, usada ou que se vaia rehabilitar. 

Ademais, con este programa tamén se actúa no eido urbanístico xa que os inmobles adquiridos están, en certos casos, deshabitados e en desuso e os novos propietarios executarán as obras de mellora necesarias para convertelas nos seus fogares. 

Precisamente, tal e como incidiu Ángeles Vázquez, con esta iniciativa desde o Goberno galego preténdese “seguir coidando o xa construído, que rexurdan os centros históricos" e, ao mesmo tempo, facilitar o acceso das familias a unha vivenda”.

 

Imaxes relacionadas