Este financiamento outórgase ao abeiro da orde de axudas do Goberno galego para a corrección de impactos paisaxísticos
Vilarmaior, (A Coruña), 22 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia concedeu 20.000 euros ao Concello de Vilarmaior para a mellora exterior dun inmoble municipal destinado a usos sociais, ao abeiro da orde de axudas do Goberno galego para a corrección de impactos paisaxísticos.
Durante unha visita que realizou hoxe ao edificio no que se levará a cabo a actuación, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, salientou o compromiso do Concello coa protección da paisaxe ao recorrer a esta liña de financiamento, posta en marcha polo Goberno galego en 2021, para actuacións que permitan corrixir e mellorar o aspecto exterior de vivendas, edificios e equipamentos públicos municipais deteriorados polo paso do tempo e por unha insuficiente conservación.
Deste xeito, a intervención prevista consistirá no desmonte da cuberta existente para a colocación de novos paneis de dobre chapa de aceiro e illamento interior. Na fachada, ademais do pintado, revestiranse con morteiro de cemento os paramentos e instalarase un novo portón de chapa de aceiro galvanizado con equipo de motorización. A maiores, renovaranse os canlóns e as baixantes.
Cómpre lembrar que a Xunta concederá este ano 1 millón de euros en axudas a preto de medio cento de concellos para apoialos no financiamento de máis de 60 obras e actuacións que contribúan a mellorar a imaxe exterior de edificios públicos, equipamentos e outros elementos e instalacións de titularidade municipal, reducindo deste xeito o impacto paisaxístico que poden causar sobre a contorna.
A maiores, De Salvador recoñeceu o esforzo municipal para seguir mellorando este inmoble. De feito, o alcalde, Carlos Vázquez, trasladoulle a intención de levar a cabo unha segunda fase nas obras de rehabilitación coa instalación de placas solares no edificio co obxectivo de avanzar cara á eficiencia enerxética.