Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza
O Goberno galego destinará 8,6 M€ este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2023 A Xunta de Galicia e o Concello de Cortegada acordaron levar a cabo a urbanización da praza pública do núcleo de Meréns, que contará cun orzamento inicial estimado de preto de 110.000 euros, segundo o convenio asinado recentemente pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Avelino Luis de Francisco.
Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, tal e como explicou Ángeles Vázquez, a Xunta financiará o 70% da obra e o concello asumirá o 30% restante.
Neste caso, o obxectivo é mellorar a accesibilidade a un espazo que na actualidade se destina a aparcadoiro e a actividades sociais como a elaboración de alfombras florais, e ao redor do cal se sitúan varios elementos do patrimonio cultural como hórreos, peto de ánimas, lavadoiro e a Casa Grande dos Sarmiento.
Así, segundo o proxecto, as actuacións, cun prazo de execución previsto de 5 meses, consistirán na renovación do pavimento con lousas de granito silvestre, a canalización soterrada das liñas, a instalación de luminarias LED encaixadas no chan e a construción de bancos de granito e a colocación sobre soleira de formigón.
Durante a sinatura deste convenio, a conselleira lembrou que, desde a posta en marcha do plan Hurbe, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos, co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.
No caso deste concello ourensán, xa se acolleron a esta iniciativa actuacións como a renovación do xardín público en Baño do Monte, o acondicionamento da praza do Campo da feira ou a mellora da fonte e lavadoiro de Seixomil, por un importe global de máis de 230.000 euros.