A Xunta convocará unha poxa para adxudicar 142 locais comerciais e 369 prazas de garaxe propiedade do IGVS en edificios residenciais de promoción pública

Icono cerrar

Declaracions do presidente da Xunta de Galicia

1 de 1

Rueda resalta que sairán a poxa para mercar ou alugar todos os inmobles deste tipo que o organismo autonómico “ten dispoñibles actualmente”

Lembra que o criterio determinante para adxudicalos será “a oferta económica”

En caso de empate, realizarase unha poxa aberta entre as persoas interesadas por un mesmo inmoble no lugar, data e hora indicados na propia convocatoria

Salienta que a gran maioría dos innmobles están nas cidades

O importe base de referencia para comprar os baixos móvese entre os 3.700 € dun local en Ortigueira e os 420.000 € doutro en Ferrol, mentres que, no caso das prazas, o prezo máis baixo é de 2.600 €, en Ferrol, e o máis alto, de 18.516 € en Santiago

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai convocar nas vindeiras semanas unha poxa pública para “adxudicar todas as prazas de garaxe e locais comerciais que o Goberno galego ten dispoñibles actualmente en edificios de promoción pública”. En concreto, os interesados poderán optar á compra ou alugueiro dun total de 142 locais comerciais e 369 prazas de garaxe do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

O Consello da Xunta foi informado hoxe da próxima publicación deste procedemento no Diario Oficial de Galicia por parte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Durante o prazo dun mes, poderán participar na poxa as persoas físicas e xurídicas que presenten como garantía unha fianza equivalente ao 3% do valor que ofrezan pola compra ou o alugamento anual do ben en cuestión.

Transcorrido este prazo, celebrarase un acto público no lugar, data e hora que se indiquen na propia convocatoria para proceder a abrir todas as ofertas económicas admitidas e ler o seu contido. En caso de igualdade entre dúas ou máis ofertas que compitan por un mesmo ben, procederase a realizar nese mesmo momento unha poxa aberta entre os interesados para decidir a quen se lle adxudica.

Tal e como explicou o presidente, todos os baixos e prazas de aparcamento incluídos nesta poxa ofértanse en réxime de compra ou de alugueiro e o criterio de adxudicación que se atenderá será o da proposta “económica máis alta”. En todo caso, “terán preferencia a compra fronte ao arrendamento” e cando se trate dunha praza de garaxe con varios interesados en alugala, primarase a aqueles que residan no edificio no que estea emprazada.

Os adxudicatarios tamén deberán cumprir unha serie de requisitos e obrigas para poder dispoñer destes inmobles. Concretamente, no caso dos locais comerciais, terán que destinalo á actividade descrita na oferta, que non poderá ser potencialmente perigosa, nociva, molesta ou insalubre, nin ir contra do establecido nos estatutos da comunidade de propietarios e nas ordenanzas municipais.

Así mesmo, o acondicionamento do inmoble así como a solicitude e a obtención das licenzas necesarias correrán pola súa conta e tamén deberán asumir a contratación dos servizos individuais de auga, gas, electricidade e outros similares. A maiores, o adxudicatario pagará os gastos de notaría e de rexistro, en caso de compra venda, ou a cuota da comunidade correspondente ao local, se se lle asigna o ben en alugueiro.

Por último, a duración do contrato de arrendamento dos locais propiedade do IGVS será de 7 anos, prorrogables por períodos dun ano, a renda actualizarase en función do IPC e o inquilino farase cargo do pagamento do IBI e comprometerase a contratar e manter en vigor durante a vixencia do contrato unha póliza de seguro en beneficio da parte arrendadora e que asegure o ben como mínimo contra incendios e responsabilidade civil.

No caso das prazas de garaxe, a maiores dos gastos xa sinalados, o adxudicatario deberá destinala a albergar un só vehículo e non poderá realizar ningunha obra que altere a súa finalidade. Ademais, o alugueiro das prazas do IGVS será por 1 ano, prorrogable por períodos da mesma duración, e a renda actualizarase anualmente conforme ao IPC.

En canto aos prezos de referencia para poder participar na poxa, Rueda salientou que aparecerán recollidos para cada inmoble na propia convocatoria, variando en función do tamaño, características e localizacións das propiedades.

Así, os importes que, como mínimo, terán que propoñer os interesados nalgún dos baixos comerciais ofertados se moverán entre os 3.700 euros fixados no caso dun local localizado en Ortigueira e os 420.306 euros doutro dispoñible en Ferrol; mentres que para optar a eles en réxime de arrendamento, as ofertas máis baixas oscilarán entre os 111 € ao ano por un baixo en Ortigueira e os 12.600 € por outro na cidade de Ferrol.

En canto ás prazas de garaxe incluídas na poxa pública, os prezos base de referencia para comprar moveranse entre os 2.600 euros dunha praza ofertada en Ferrol e os 18.516 euros doutra en Santiago, mentres que as propostas económicas dos interesados en arrendar irán desde os 78 euros anuais por unha praza localizada en Ferrol ata os 720 euros que, como mínimo, deberán ofertar as persoas interesadas nunha de Vigo.

Concentración do 80% da oferta nas cidades

Aínda que os máis de 500 inmobles incluídos nesta poxa están distribuídos por toda Galicia —os locais comerciais repártense entre 26 concellos e as prazas de garaxe, entre 13—, Rueda resaltou que “a gran maioría” están nas cidades, o que no caso das prazas de garaxe fai pensar que “haberá unha gran demanda”.

Máis concretamente, dos 142 baixos da Xunta polos que se poderá poxar, 91 están nos municipios da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, mentres que 319 das 369 prazas de garaxe dispoñibles se localizan en inmobles de VPP das 7 grandes urbes, destacando sobre todo as 106 prazas dispoñibles en Pontevedra ou as 90 de Ferrol.

Cómpre lembrar que este tipo de locais se emprazan en inmobles de VPP nos que a normativa municipal non permite destinar os baixos a outros usos, mentres que as prazas de garaxe son consecuencia das normas urbanísticas de cada concello, que obrigan a construír máis dunha praza por vivenda, con diferentes proporcións segundo o municipio.

Imaxes relacionadas