Obxecto e normativa O Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia é un rexistro público de carácter administrativo, adscrito á consellería competente en materia de urbanismo, que ten por obxecto garantir a transparencia e a publicidade no exercicio da función pública urbanística. Serán obxecto de inscrición os acordos de aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio e da súa modificación, así como calquera resolución posterior, administrativa ou xudicial, que afecte ao seu contido. O rexistro está regulado no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 208 e seguintes do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro. Inscrición dos instrumentos de planeamento urbanístico INSCRICIÓN Os instrumentos de planeamento urbanístico, unha vez aprobados definitivamente, e publicado no Diario Oficial de Galicia, o acordo correspondente, deberán inscribirse no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. En todo caso, en virtude do artigo 82.4 da citada lei, a eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do plan aprobado quedan condicionadas á publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo de aprobación definitiva, á inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia e ao que dispoña para tal efecto a lexislación vixente en materia de réxime local. PROCEDEMENTO DE INSCRICIÓN A consellería competente en materia de urbanismo inscribirá de oficio os instrumentos de planeamento urbanístico cuxa aprobación definitiva lle corresponda. Os instrumentos de planeamento urbanístico cuxa aprobación definitiva corresponda aos concellos inscribiranse no rexistro por instancia do concello respectivo. Para estes efectos, os concellos deberán solicitar a inscrición no rexistro electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia mediante o modelo normalizado MT 500A dispoñible na seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MT500A&ano=2017&numpub=1&lang=gl no prazo dun mes desde a data da aprobación definitiva. A solicitude de inscrición deberá ir acompañada dun exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado, do instrumento de planeamento urbanístico. INSCRICIÓN DOS INSTRUMENTOS DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO De conformidade co establecido no artigo 61 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, os instrumentos de ordenación do territorio e as súas modificacións, unha vez aprobados definitivamente, deberán inscribirse no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia. A consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, por instancia da consellería impulsora, inscribirá os instrumentos de ordenación do territorio e as súas modificacións no rexistro con carácter previo á súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Buscador Buscador do Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico