As Directrices de Ordenación Territorial (DOT) No ano 2011, seguindo os obxectivos establecidos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, (vixente naquela data), se aprobaron as primeiras Directrices de ordenación do territorio de Galicia, o instrumento de ordenación do territorio de rango superior que serviría de marco de referencia para o desenvolvemento da planificación territorial e urbanística da Comunidade Autónoma de Galicia. As Directrices de ordenación do territorio son o instrumento de ordenación estrutural que serve para proxectar, dirixir e coordinar os fins e obxectivos da política territorial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, constituíndo o principal elemento de planificación territorial e a base do desenvolvemento das actuacións con incidencia no territorio que deban producirse na Comunidade Autónoma, dentro do necesario respecto ás competencias das distintas administracións públicas. De conformidade co previsto na disposición transitoria segunda da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, co fin de coordinar os tipos de determinacións establecidos polas actuais Directrices de ordenación do territorio cos establecidos no artigo 20 da dita lei, entenderase que:a) As determinacións definidas como «excluíntes» nas actuais Directrices de ordenación do territorio terán o carácter de «determinacións de aplicación directa», segundo o establecido no artigo 20.b) As determinacións definidas como «orientativas» nas actuais Directrices de ordenación do territorio terán o carácter de «vinculantes», segundo o establecido no artigo 20, cando se refiran a aspectos relativos ao planeamento. As Directrices de Ordenación do Territorio ofrecen unha visión global da ordenación territorial de Galicia e serven de referencia para a formulación dos restantes instrumentos de ordenación do territorio e urbanísticos, que deberán xustificar a súa coherencia e conformidade coas súas determinacións, así como para as actuacións con incidencia no territorio que desenvolvan as persoas particulares e as administracións públicas, con pleno respecto, neste último caso, ás competencias respectivas. Descarga dos documentos das directrices da ordenación do territorio BLOQUE 1.- MEMORIA E DETERMINACIONS PRÓLOGOS E ÍNDICES INTRODUCCIÓN O SISTEMA DE ASENTAMENTOS E AS INFRAESTRUTURAS BÁSICAS As Rexións e Áreas urbanas no modelo territorial de Galicia. Vigo-Pontevedra. A Rexión urbana das Rías Baixas. A Coruña e Ferrol. A Rexión urbana Ártabra. Santiago de Compostela. Nodo de calidade urbana. Ourense: unha cidade de equilibrio. A Área urbana de Lugo. Unha cidade de enlace. O Sistema urbano intermedio. Os Nodos para o equilibrio do territorio. O espazo rural. Articulando o litoral. Infraestruturas e equipamentos do Modelo territorial: Galicia en rede e vectores ambientais. O PATRIMONIO NATURAL, CULTURAL E PAISAXISTICO DETERMINACIÓNS ANEXOS BLOQUE 2.- INFORME DE SOSTIBILIDADE AMBIENTAL INFORME Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) Sistema de seguimento da sustentabilidade territorial. A xestión dinámica A elaboración e entrada en vigor das Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) conlevou a necesidade de dispor de ferramentas para avaliar o cumprimento dos seus obxectivos e os seus posibles efectos sobre a contorna. Tratase, en definitiva, dun “sistema de seguimento da sustentabilidade territorial”. Este seguimento e as consecuentes accións derivadas dos seus resultados son o que se denomina “xestión dinámica do territorio”. De conformidade co previsto no artigo 28 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, a Administración autonómica remitiralle ao Parlamento de Galicia, cada tres anos, unha memoria de seguimento do grao de desenvolvemento dos obxectivos e das determinacións das Directrices de ordenación do territorio de Galicia. Órganos e funcionamento do sistema de seguimento A estrutura do sistema deseñado xurde como convicción da necesaria coordinación administrativa entre os seguintes actores do sistema: A Comisión de Seguimento, como órgano de coordinación técnica dos departamentos, organismos e entes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e responsable última do desenvolvemento deste seguimento. No seo desta Comisión constituíronse diferentes Grupos técnicos de traballo (GTT), nos que cada departamento autonómico con competencias de alcance territorial ten un papel protagonista na validación e consenso das propostas para as ferramentas de seguimento e os seus resultados. Neste esquema, o Instituto de Estudos do Territorio (IET) exerce o papel de coordinación técnica e análise, sendo o responsable de achegar as propostas e ferramentas de traballo ós diferentes GTT, convocar e coordinar as súas reunións e, finalmente, elevar á Comisión para a súa aprobación os acordos acadados no seo deste grupos. As ferramentas Para este seguimento resulta imprescindible chegar a modelizar a realidade baixo a perspectiva dos obxectivos destes instrumentos, incluíndo entre os seus métodos un sistema de indicadores o máis obxectivo posible considerando as posibilidades dos datos. Así, o sistema dotouse dun conxunto de ferramentas que pretenden dar resposta a tres cuestións claves: Facemos o que establecemos nos instrumentos de ordenación en vigor?, é eficaz cara a sostibilidade? e, finalmente, como percibe a cidadanía o desenvolvemento destes instrumentos? Para a primeira das cuestións establécense os denominados indicadores de desenvolvemento e implantación (IDI). E, para a pregunta clave, a que se cuestiona a súa eficacia cara á sostibilidade proponse o sistema de indicadores de sostibilidade territorial (IST). Estes xorden das variables de sostibilidade dos Informes de Sostibilidade das DOT e do Plan de Ordenación do Litoral (POL), recollidas na súa memoria ambiental e nun longo traballo de ensaio realizado polo propio IET. O modelo conceptual no que se apoia este sistema permite agrupar estes indicadores (IST) nos seguintes grandes bloques: ocupación do territorio, paisaxe, patrimonio natural, patrimonio cultural, sociedade e economía, metabolismo, e mobilidade. Tódolos indicadores-tema agrupados nestes bloques permitirán valorar os efectos das determinacións das DOT na ordenación territorial e valorar a eficacia para encamiñar Galicia cara a sociedade da sustentabilidade.