Funcións

Correspóndenlle á Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo:

a) Emitir os informes que, con carácter preceptivo, veñan esixidos, expresamente, pola normativa vixente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, así como sobre cantos asuntos lle sexan sometidos a consulta pola persoa titular da consellería competente nas ditas materias.

b) O asesoramento e a emisión de informes sobre a aplicación e interpretación da normativa vixente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

c) Informar preceptivamente os proxectos e anteproxectos normativos que afecten á ordenación do territorio e urbanismo cuxa iniciativa corresponda ao centro directivo competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

d) Prestar colaboración nos procedementos contencioso-administrativos en materia de ordenación do territorio e urbanismo nos cales a consellería competente na devandita materia sexa parte, mediante a emisión de informes a instancia da Asesoría Xurídica Xeral, logo da petición do letrado actuante.

e) Elaborar e propoñer, de oficio ou a instancia das persoas sinaladas no artigo 15, instrucións e medidas que considere precisas para mellorar a eficacia da ordenación do territorio e o urbanismo no ámbito da Comunidade Autónoma, que serán aprobadas pola persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

f) Realizar estudos e investigacións sobre ordenación do territorio e urbanismo, trasladando aos órganos competentes en materia de ordenación do territorio e urbanismo as recomendacións que deriven daqueles.

g) Aprobar e elevar á persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, para a súa remisión ao Consello da Xunta, a memoria anual sobre a ordenación do territorio e urbanismo da Comunidade Autónoma, nos seus aspectos administrativos e técnicos, con proposta das medidas pertinentes para a mellora da eficacia na ordenación do territorio e no urbanismo.