Solicitude de informes

¿Sobre que materias informa a Xunta Consultiva?

A Xunta Consultiva emitirá os informes sobre a aplicación e interpretación da normativa vixente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, sen prexuízo das competencias atribuídas expresamente ao Consello Consultivo de Galicia, como órgano superior de carácter consultivo, e nos termos previstos na Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia.

Os informes da Xunta consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo non serán vinculantes, tendo carácter interpretativo da norma ou situación obxecto de exame e aplicación, e serán publicados na páxina web da Xunta de Galicia.

¿Quen pode solicitar o informe?

A Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitirá os informes sobre a aplicación e interpretación da normativa vixente en materia de ordenación do territorio e urbanismo por pedimento escrito:

a) Das persoas titulares das secretarías e direccións xerais dos departamentos da Xunta, ou das direccións xerais ou das presidencias das entidades públicas vinculadas ou dependentes da Xunta de Galicia.

b) Das persoas titulares da alcaldía ou presidencia das entidades locais de Galicia ou das persoas que ostenten a presidencia dos organismos públicos dela dependentes.

c) Das persoas titulares da presidencia dos colexios profesionais e organizacións empresarias afectadas pola ordenación do territorio e urbanismo.

¿A quen se debe dirixir a solicitude de informe?

A solicitude de informe á Xunta Consultiva dirixirase á súa Secretaría Xeral, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada) mediante o formulario PR004A (Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

Xunto coa petición deberán achegarse cantos antecedentes, documentos e datos sexan necesarios para elaborar o informe.


Ligazóns relacionadas

PR004A