Galicia é unha comunidade autónoma marítima por excelencia, co litoral máis longo de toda España, con enormes diferenzas xeomorfolóxicas entre as súas fachadas atlántica e cantábrica. A costa galega alberga unha das súas singularidades máis recoñecidas: as súas rías. Este fenómeno xeográfico de orixe tectónica orixinou un dos ecosistemas mariño-costeiros máis variados e ricos do mundo, debido tamén ao afloramento oceánico que se produce nas súas augas. A esta riqueza ambiental ou, como consecuencia dela, súmase unha beleza paisaxística excepcional formada por centos de unidades fisiográficas de gran calidade. Neste contexto, o Plan de Ordenación do Litoral, aprobado polo Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, é un instrumento de ordenación do territorio que, no marco do artigo 2 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, e da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, vixentes no momento da súa aprobación, configurouse como un instrumento capaz de favorecer unha xestión integral do territorio, un instrumento eficaz para dirixir os usos do solo co obxectivo de avanzar cara a unha sociedade máis xusta e competitiva pero, ao mesmo tempo, máis comprometida coa sostibilidade e a paisaxe. Avanzando nesa mesma liña, e no marco das propias competencias nesta materia que exerce a nosa Comunidade Autónoma, aprobouse recentemente a Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que pretende dar un paso máis: esta lei aspira á ordenación e á xestión do litoral desde un enfoque ecosistémico e integrado, que garanta un desenvolvemento sustentable e que permitirá consolidar o futuro da costa galega, dos seus valores naturais, patrimoniais, paisaxísticos e económicos. A nova lei articula un sistema integrado de instrumentos de ordenación do litoral, definindo o seu ámbito de aplicación, os obxectivos perseguidos e as determinacións que deben incorporar. As directrices de ordenación do litoral serán o elemento básico da planificación do litoral e ofrecerán unha visión global da ordenación, que servirá de referencia para formular os demais instrumentos. Regúlanse dous plans de ordenación do litoral: para os espazos terrestres e marítimo-terrestres, o Plan de ordenación costeira; e para os espazos mariños, o plan de ordenación mariña. O primeiro ten a natureza de plan territorial integrado dos regulados na vixente Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia; o segundo ten unha natureza diferente, de ordenación dos espazos mariños coas limitacións que para este espazo dispón o propio ámbito de aplicación da lei. O sistema de instrumentos de ordenación e xestión péchase coa regulación de dous plans de natureza facultativa, que permitirán dispoñer dun instrumento axeitado que ordene as rías e as praias de resultar necesario, e coa remisión aos plans sectoriais, regulados na normativa de ordenación do territorio para determinadas actividades sobre o litoral. Esta planificación completará a que ata agora viña levándose a cabo a través doutros instrumentos recollidos na lexislación sectorial e do Plan de ordenación do litoral de Galicia, que, como futuro Plan de ordenación costeira, será revisado para se adaptar á nova regulación dos usos do litoral, no prazo de dous anos, contado desde a entrada en vigor da LOLGA (2 de agosto de 2023). Réxime transitorio do Plan de Ordenación do Litoral na LOLGA De conformidade co previsto na disposición transitoria segunda da LOLGA, relativa á aplicación transitoria do Plan de ordenación do litoral de Galicia, ata a súa revisión manterase o réxime xurídico das áreas de protección costeira, dos corredores e dos espazos de interese recollidos nos artigos 54, 57 e 58 do Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral de Galicia, agás no que afecte ás actuacións estratéxicas do título IV da LOLGA, cuxas disposicións serán aplicables a partir da súa entrada en vigor. Asemade e ata a revisión do Plan de ordenación do litoral de Galicia, as referencias contidas na LOLGA aos espazos de especial interese ambiental e paisaxístico que debe delimitar o Plan de ordenación costeira serán todos os desa natureza delimitados no Plan de ordenación do litoral de Galicia. Visor da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia En cumprimento da disposición final terceira da LOLGA, elaborouse un visor que recolle a información cartográfica necesaria para a aplicación desta norma. Esta ferramenta dixital, desenvolvida polo Instituto de Estudos do Territorio, permite aos usuarios coñecer de primeira man tanto a área na que se localizan os terreos do seu interese como os usos permitidos. Deste xeito, o visor web ofrece un mapa cun nivel de zoom de detalle establecido a 1:2000 e que contén a Base Topográfica de Galicia como fondo de referencia sobre a que se superpoñen as capas dos diferentes ámbitos recollidos na Lei de ordenación. Así, a Área de Protección Ambiental (APA), que é aquela con características naturais singulares e valores ambientais excepcionais que deben ser especialmente protexidos, inclúe a zona comprendida entre a liña de 12 millas náuticas ata a liña de ribeira de mar -espazo marítimo-terrestre comprendido entre a liña de máxima baixamar viva e o límite ata o que chegan as ondas nos temporais máis grandes coñecidos- e os espazos naturais protexidos -parques naturais, humidais protexidos, Rede Natura, monumentos naturais, e paisaxes protexidas, entre outros-. Na Área de Reordenación (ARA), o mapa ofrece capas coa delimitación dos solos urbanos e dos núcleos rurais, en base aos datos dispoñibles no Sistema de Información de Ordenación do Territorio e Urbanismo de Galicia (Sioutuga); coas zonas de servizo de cada un dos portos de titularidade autonómica, e coas liñas do dominio público marítimo terrestre. Cómpre lembrar que esta área reúne os espazos transformados pola acción urbanizadora e espazos degradados, de difícil ou imposible re-naturalización, que esixen accións de reordenación, orientadas a non agravar o deterioro, a humanizar os espazos e renovar os elementos e o seu entorno. E, no que respecta á Área de Mellora Ambiental e Paisaxística (AMAP), contén os espazos non incluídos nas anteriores zonas. VISOR DO PLAN DE ORDENACIÓN DO LITORAL VISOR DA LEI DE ORDENACIÓN E XESTIÓN INTEGRADA DO LITORAL DE GALICIA