A Coruña, 7 de maio de 2024
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo, esta mañá, un encontro coa directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, para abordar os retos urbanísticos que teñen por diante os concellos da provincia da Coruña.
No encontro tamén analizaron as medidas que a Xunta ten implantado nos últimos anos para acadar a simplificación e a axilización na tramitación dos planeamentos urbanísticos, fixándose como prioridade estratéxica a procura da maior seguridade xurídica e transparencia.
Ambas avogaron por un "urbanismo responsable" para garantir desta forma o equilibrio entre o urbano e o rural. Ademais, defenderon a necesidade de reactivación das zonas rurais e dos centros urbanos que "fomente a reutilización do existente, restrinxa novos crecementos urbanos, protexa a identidade local e evite a perda do patrimonio construído".