A Xunta achega preto de 34.000 euros para mellorar a fachada das escolas de Cima de Vila e San Vicente de Pena, en Begonte

1 de 1

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través do Instituto de Estudos do Territorio, concedeu case 238.000 euros a 13 concellos lucenses para mellorar a paisaxe mediante o acondicionamento exterior de determinadas construcións

Begonte (Lugo), 28 de maio de 2024

A Xunta de Galicia achegou preto de 34.000 euros ao Concello de Begonte para mellorar as fachadas das antigas escolas de Cima de Vila e San Vicente de Pena, a través das convocatorias de axudas de 2023 e 2024 para corrixir impactos paisaxísticos.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, acompañados do alcalde de Begonte, José Ulla, comprobaron o resultado da actuación no inmoble de Cima de Vila, na parroquia de Damil, financiada con cargo ás achegas do ano pasado.

A obra centrouse en corrixir humidades, sucidade, a presenza de vexetación e outras deficiencias que afectaban ao exterior como consecuencia do paso do tempo e dos efectos do clima. As principais intervencións consistiron no illamento térmico mediante o sistema SATE e na adecuación das baixantes de augas pluviais. Así mesmo, limpouse a pintouse a fachada do edificio. 

O delegado territorial explicou que a antiga escola de San Vicente de Pena benefíciase  tamén dunha actuación similar a través da convocatoria deste ano, que no conxunto da provincia de Lugo achega 237.800 euros a 13 concellos para mellorar a paisaxe mediante o acondicionamento exterior de determinadas construcións. 

Este programa de axudas convocadas polo Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, sufraga actuacións en edificios e equipamentos destinados a servizos públicos; así como noutro tipo de construcións municipais e bens que formen parte do patrimonio etnográfico local, como  é o caso de fontes, hórreos, palcos de música e lavadoiros.

Imaxes relacionadas