A Xunta axudará este ano a 347 particulares a mellorar a imaxe exterior das súas vivendas e doutros bens

Por cuarto ano, o Instituto de Estudos do Territorio esgotou o orzamento dispoñible

Desde a posta en marcha destes incentivos, en 2021, o Goberno galego concedeu case 2.400 subvencións para corrixir impactos paisaxísticos por preto de 9,6 M€

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2024

A Xunta concedeu este ano 347 subvencións por un importe de 1 millón de euros ao abeiro da última convocatoria das axudas destinadas a propietarios particulares para a execución de actuacións de corrección de impactos paisaxísticos nas súas vivendas e noutros bens, unha liña de incentivos posta en marcha no ano 2021 polo Instituto de Estudos do Territorio (IET).

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a resolución pola que se dá publicidade á relación completa de beneficiarios, incluídos tamén aqueles solicitantes que finalmente recibiron a subvención tras a renuncia dalgún dos adxudicatarios iniciais.

Por cuarto ano consecutivo, o IET esgotou o orzamento destinado a esta liña de incentivos, que sigue presentando unha alta demanda e permite mellorar o estado tanto de vivendas como de inmobles propiedade de particulares con axudas de, como máximo, 3.000 euros e que cobren ata o 70% do orzamento subvencionable.

Ademais, cómpre lembrar que o organismo autonómico tamén convoca anualmente outra orde dirixida a entidades locais de menos de 20.000 habitantes co mesmo fin, é dicir, facilitar a execución de actuacións para a corrección de posibles impactos paisaxísticos e contribuír deste xeito a fomentar a cultura do fermosismo en Galicia.

Neste sentido, e no marco da convocatoria de 2024, aprobáronse tamén 50 axudas dirixidas a concellos para a realización de 64 actuacións sobre edificios públicos, equipamentos e outras instalacións de titularidade municipal. O importe máximo da subvención, neste caso, é de 40.000 euros, 20.000 euros por cada unha das liñas de actuación diferenciadas ás que poden optar en función do tipo de inmoble.

Cómpre lembrar que nos últimos catro anos (2021-2024) a Xunta concedeu 2.374 axudas a concellos e a particulares para a corrección de impactos paisaxísticos en edificios públicos e privados por un importe de case 9,6 millóns de euros e cos que se mobilizou un investimento estimado de 14 millóns. De feito, as axudas aprobadas desde 2021 xa beneficiaron a un total de 283 dos 313 municipios galegos, máis do 90% do total.