A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, informou hoxe ao alcalde de Beariz, Manuel Prado, da resolución pola que se aproba inicialmente este instrumento que permitirá ao Concello ofrecer capacidade de acollida residencial e económica
Tras o paso dado hoxe, o documento someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse todos os informes preceptivos para a súa aprobación definitiva
Trátase do décimo sexto concello de Galicia que contará con esta ferramenta que a Xunta promove para acadar unha ordenación urbanística sostible en municipios de menos de 5.000 habitantes
Beariz (Ourense), 22 de outubro de 2024
A Xunta aproba de forma inicial o Plan Básico Municipal de Beariz para dotar o concello dun instrumento eficaz de ordenación do territorio.
A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, informou hoxe ao alcalde de Beariz, Manuel Prado, da resolución pola que se aproba inicialmente este Plan.
Trátase dun instrumento urbanístico básico que permitirá ao municipio ourensán ofrecer capacidade de acollida residencial e económica.
No que se refire á tramitación, tras a aprobación inicial de hoxe, o documento someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse todos os informes preceptivos previos para a súa aprobación definitiva.
O Plan para este concello, que conta cunha poboación de 946 habitantes, clasifica un ámbito de solo urbano consolidado, denominado solo urbano de Beariz; e en canto a núcleos rurais, delimita 21 nun total de 3 parroquias.
O documento tamén categoriza solo rústico de protección ordinaria e solo rústico de especial protección forestal, das augas, de infraestruturas, patrimonial, paisaxístico e de espazos naturais.
Ademais o Plan cataloga ata 520 elementos que se corresponden con Bens de Interese Cultural (1) ou Bens Catalogados a nivel arqueolóxico (71), arquitectónico (428) e etnolóxico (28).
A Xunta está a promover os Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes, como o caso de Beariz, que non contan con planeamentos xerais.
O obxectivo é dotar estes municipios dunha ferramenta que permita impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible.
Na actualidade, Beariz é o 16º concello galego en obter a aprobación inicial do seu PBM. De xeito máis detallado, dos 24 Plans Básicos Municipais previstos, hai 4 aprobados definitivamente; 12 con aprobación inicial; 4 pendentes de aprobación inicial; e 4 para os que se está redactando o seu borrador.