A Xunta lamenta o afán recadador do Goberno central na xestión do lixo e o seu impacto nas contas de concellos, cidadanía e xestores de residuos

1 de 2
2 de 2

Ángeles Vázquez reproba que aos impostos aprobados en 2023 polo Executivo central se sume o vindeiro mes de abril unha nova taxa municipal para os servizos de xestión de residuos que tenda cara ao pago por xeración, unha medida que tensará aínda máis a economía das entidades locais e da veciñanza

O Executivo galego censura que se pretenda responsabilizar da suba das taxas municipais ao canon de Sogama, cando se trata dunha actualización derivada das políticas fiscais da Administración central

A conselleira salienta que a xestión do Goberno central neste eido está lonxe de ser un modelo a seguir como demostra o expediente de infracción aberto por Bruxelas a España por incumprir os obxectivos de preparación para reutilizar e reciclar residuos

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, lamentou hoxe no Parlamento galego o afán recadador -coa fixación de novos impostos- do Goberno central no eido da xestión de residuos e o impacto negativo que esas decisións teñen nas contas dos concellos, dos cidadáns e das empresas encargadas da xestión do lixo.

A responsable autonómica lembrou que aos impostos aprobados en 2023 se engadirá a partir do 10 de abril do próximo ano a obriga de que as entidades locais establezan unha taxa diferenciada, específica e non deficitaria para os servizos de xestión de residuos que tenda cara ao pago por xeración.

Ángeles Vázquez denunciou que esta nova imposición do Goberno central -incluída na lei estatal de residuos e solos contaminados para unha economía circular- pode tensar aínda máis as contas das entidades locais e os petos dos cidadáns, unha medida que non se xustifica no cumprimento da directiva europea de residuos, que non obriga aos estados a establecer taxas de lixo específicas.

A conselleira incidiu en que o Executivo central impón esta medida alentado polo seu afán recadador e non por imposición de Bruxelas, polo que censurou que se pretenda responsabilizar da suba das taxas municipais á suba do canon de Sogama, cando se trata dunha consecuencia das políticas fiscais do Goberno central.

Nesta liña, lembrou que, fronte a esa constante creación de impostos novos, a Xunta está a traballar para suavizar o impacto deses tributos nas contas dos concellos e dos cidadáns asumindo, por exemplo, o 60% da actualización do canon de Sogama para 2025. De feito, a suba do canon debeuse a unha situación insostible derivada de medidas como o novo imposto estatal sobre o vertido e a valorización, a orde ministerial que elimina a retribución ás plantas termoeléctricas ou o imposto estatal de produción de enerxía, que encareceron o custo da xestión dos residuos en preto de 40 euros por tonelada.

De feito, este aumento dos custos débese á aplicación dunhas medidas que tampouco se xustifican polas directrices europeas sobre a xestión de residuos. Impostos como o fixado para a valorización dos refugallos e implantado polo Goberno central non se aplica en 18 países da Unión Europea porque o consideran ineficiente e improdutivo. 

Expediente europeo

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático asegurou que o Goberno central non é exemplo de boa xestión neste eido nin modelo a seguir, como demostra o feito de que Bruxelas abrise recentemente un expediente de infracción ao Reino de España na materia por non cumprir os obxectivos de preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos municipais. Neste sentido, o procedemento de infracción refírese a incumprimentos na consecución de obxectivos fixados na directiva europea encamiñados a dar unha segunda vida a distintos residuos e promover unha economía circular. 

Ángeles Vázquez incidiu en que as políticas do Goberno central, baseadas na suba de impostos e da recadación, xeran desconfianza entre a cidadanía e carga toda a responsabilidade, incluídos os seus erros, sobre ela. De feito, a representante autonómica salientou que, en contraposición ao Executivo central, a Xunta aposta por apoiar aos concellos e incentivar a concienciación para que o conxunto da sociedade avance de xeito paulatino no seu compromiso coa reciclaxe, coa redución do lixo e coa reutilización daqueles cando é posible. 

Imaxes relacionadas