A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático lembra que o vindeiro ano haberá unha nova convocatoria de achegas para promover o fermosismo que contará cun millón de euros de orzamento para entidades locais e outro millón para particulares
A Xunta destinou desde 2021 máis de 9,5 millóns de euros a apoiar a 110 municipios e 2.100 familias e aspira a manter esta senda para chegar en 2028 a arredor de 4.000 propietarios e a unhas 500 actuacións impulsadas polos concellos
Ordes (A Coruña), 22 de novembro de 2024
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe aos concellos galegos a que vaian pensando en proxectos cos que apostar polo fermosismo e a protección da paisaxe de cara á convocatoria de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos de 2025. Neste sentido, instounos a seguir o exemplo de Ordes, que solicitou apoios en todas as convocatorias desde 2021 e se beneficiou de máis de 100.000 euros en distintas achegas.
De feito, a responsable autonómica visitou dúas actuacións realizadas polo Goberno local ao abeiro das axudas deste ano, a mellora da fachada e da cuberta do edificio destinado a local social de Barbeiros, no núcleo do Cruceiro, e a recuperación do lavadoiro de A Gorita, con dúas achegas que sumaron algo máis de 34.000 euros.
O primeiro dos proxectos incluíu a limpeza e o revestimento da fachada seguindo o establecido na Guía de Cores de Galicia así como o cambio do tellado. En total, as actuacións no local social tiveron un custo de máis de 36.000 euros, dos que 20.000 foron financiados cos apoios do Executivo galego.
Mentres, no lavadoiro cambiouse a cuberta, melloráronse e pintáronse os piares, impermeabilizouse o vaso e revestíronse con placas de granito gris tanto os paramentos como o pavimento. O investimento total superou levemente os 20.000 euros, dos que algo máis de 14.000 euros foron aportados pola Xunta.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, agradeceu a aposta constante do concello polo fermosismo pois nos últimos anos beneficiouse doutras catro achegas para renovar dous locais sociais, unha antiga escola unitaria e o muro de peche dunha zona deportiva municipal.
A conselleira incidiu en que poden realizarse moitas actuacións deste tipo nos concellos e lembrou que o vindeiro ano haberá unha nova convocatoria de achegas para promover o fermosismo e a protección da paisaxe que estará dotada con dous millóns de euros. Deles, un millón está reservado para actuacións dos Gobernos locais e o outro para melloras de particulares. Trátase dunhas axudas con moita demanda que se esgotan en pouco tempo, como ocorreu na convocatoria deste ano, na que se aprobaron 50 achegas a concellos -para 64 actuacións- e 346 a particulares, esgotándose moi pronto os dous millóns de euros orzamentados.
Os apoios a concellos están dirixidos aos de menos de 20.000 habitantes e contan con dúas liñas de axudas, podendo beneficiarse dun máximo de 40.000 euros (20.000 euros por liña). A primeira das modalidades é para a renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais e a segunda para mellorar o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos.
Mentres, as achegas a particulares -que cobren ata o 70% do orzamento subvencionable- son para intervencións en fachadas, cubertas e muros de peche. A maiores, na convocatoria deste ano introduciuse como novidade a posibilidade de financiar a retirada de elementos adxacentes que prexudiquen a imaxe ou causen algún impacto nos bens nos que se pretende intervir.
Desde a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2021, o Goberno galego apoiou con 9,5 M€ a máis de 110 entidades locais e a 2.100 familias na execución de obras e actuacións para mellorar a imaxe exterior dos seus inmobles. De feito, as axudas chegaron xa a 283 concellos, máis do 90% do total da comunidade.
O obxectivo é manter esta senda nos vindeiros anos e que o número de beneficiarios particulares en 2028 rolde os 4.000 así como ter apoiado unhas 500 actuacións de fermosismo promovidas polos concellos.