Ángeles Vázquez avoga por implicar ás organizacións veciñais galegas no impulso de pulmóns verdes nas contornas urbanas e do ‘fermosismo’

1 de 1

Lugo, 22 de novembro de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a relevancia do papel que desempeñan as federacións e asociacións de veciños para mellorar a calidade de vida das persoas e neste sentido, avogou por implicar ao colectivo no impulso dos primeiros pulmóns verdes urbanos en Galicia e noutras actuacións que redunden na aposta da Xunta polo fermosismo.

Durante a súa intervención en Lugo na Gala de benvida aos representantes do sector de toda España que participan esta fin de semana na Asemblea Xeral da Confederación Estatal de Asociacións de Veciños, a responsable autonómica felicitou aos máis de 200 profesionais que asisten ao evento polo seu traballo e compromiso para ofrecer solucións aos “problemas cotiás e que máis preocupan á cidadanía”.

Neste sentido, incidiu na importancia que ten para a calidade de vida das persoas a vivenda e a contorna na que discorre o seu día a día, dous asuntos que, ademais, gardan unha relación directa co medio ambiente, a sostibilidade e o coidado paisaxístico.

Tras poñer en valor o traballo que realiza o seu departamento para implicar á sociedade galega na protección e na axeitada xestión do territorio, Ángeles Vázquez explicou que para facer das vilas e contornas urbanas espazos “máis felices” é fundamental apostar pola creación de zonas verdes, xa que está demostrada a súa relación coa saúde e o benestar dos seus habitantes.

Acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a conselleira referiuse á recente aprobación da Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxica, que prevé, entre outras accións, a creación dunha rede territorial continua entre espazos que destaquen polo seu valor ambiental, paisaxístico e cultural e no marco da cal se impulsarán o vindeiro ano os “primeiros pulmóns verdes urbanos” en Galicia.

Así mesmo, indicou que as “persoas son fundamentais para que as paisaxes naturais e urbanas resulten más habitables e sostibles”. Por iso, animou particularmente aos representantes das entidades veciñais galegas reunidos en Lugo a seguir difundindo e aproveitando iniciativas autonómicas como as axudas para a corrección de impactos paisaxísticos en vivendas e outros inmobles particulares para embelecer e coidar o aspecto exterior dos fogares de miles de galegos.

Por último, a responsable autonómica agradeceu tamén a implicación do sector no coidado do medio ambiente ao recordar que o eido residencial tamén pode contribuír á redución das emisións de gases contaminantes e polo tanto, á loita contra o cambio climático pola vía da rehabilitación enerxética e da aposta por fogares cada vez máis eficientes e sostibles, unha liña de traballo na que, lembrou, a cidadanía tamén conta con varios tipos de axudas por parte da Xunta.

Imaxes relacionadas