A Xunta e o Concello do Pino estudan a humanización de dúas rúas no núcleo urbano do Pedrouzo

1 de 2
2 de 2

Ángeles Vázquez trasladoulle a Manuel Varela a posibilidade de que esta actuación, cuxo orzamento inicial estimado supera os 480.000 €, se leve a cabo ao abeiro do plan Hurbe

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia e o Concello do Pino estudan a humanización das rúas Forcarei e Dos Mollaos, no núcleo urbano do Pedrouzo, segundo dixo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, logo de reunirse co alcalde da localidade, Manuel Varela.

Na reunión, a conselleira coñeceu o proxecto municipal que prevé a mellora das beirarrúas e dos carrís, ademais da dotación de zonas de aparcamento e a reposición da rede de saneamento. A maiores, tamén propón o soterrado das liñas de electricidade e telecomunicacións así como o repintado da sinalización horizontal e a instalación das sinais verticais necesarias.

Dado que a rúa Dos Mollaos presenta un elevado tránsito de peregrinos do Camiño de Santiago, a proposta municipal inclúe o deseño dun carril bici para mellorar a seguridade viaria de peóns, ciclistas e condutores.

Ángeles Vázquez trasladoulle ao rexedor a posibilidade de que esta actuación, cuxo orzamento inicial estimado supera os 480.000 euros, se leve a cabo ao abeiro do coñecido como plan Hurbe, un programa que foi impulsado pola Xunta no ano 2010 para apoiar ás administracións locais na execución de proxectos urbanísticos que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida da veciñanza, a través da mellora ou da construción de equipamentos e servizos públicos.

Desde entón, o plan Hurbe permitiu mobilizar xa ao redor de 163 millóns de euros, destinados a financiar máis de 400 intervencións urbanísticas en decenas de concellos galegos. E, o vindeiro ano, o Goberno galego seguirá apoiando ás entidades locais na execución deste tipo de obras e intervencións urbanísticas cun orzamento de 8,6 millóns de euros, un 23 % máis que o reservado a tal fin en 2022.

Imaxes relacionadas