As actuacións permitirán humanizar a contorna das vivendas sociais, mellorar o acceso á área de autocaravanas, acondicionar beirarrúas na estrada OU-0502 e ampliar o alumeado público do recinto de feira
O Goberno galego destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando os concellos na execución deste tipo de obras, un 23 % máis que o orzamento destinado a tal fin en 2022
Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia licitou o proxecto para a humanización e posta en valor da contorna de varios espazos públicos no Concello da Peroxa por máis de 150.000 euros.
A actuación, financiada conxuntamente por ambas administracións cunha achega do 70 % por parte da Xunta e do 30 % do Goberno local, ten un prazo de execución de 3 meses e incluirá a mellora do acceso á área de autocaravanas e o acondicionamento de beirarrúas na estrada OU-0502 en 3 treitos da entrada á localidade.
A maiores, tamén se humanizará a contorna das vivendas sociais coa renovación e ampliación das infraestruturas para dotar de servizos urbanísticos á zona, a realización dun muro de contención de perpiaño de ata 1,50 m de altura para salvar o desnivel existente entre a beirarrúa e o entronque coa estrada, pavimentación asfáltica e acondicionamento zona verde. Tamén se ampliará o alumeado público do recinto de feira con 5 puntos de luz.
Estas obras acometeranse ao abeiro do plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010, co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.
Desde entón, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co obxectivo de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas. De feito, o Concello da Peroxa xa levou a cabo a mellora dos vestiarios do club fluvial dos Peares ao abeiro deste programa no ano 2017.
A Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando os concellos na execución deste tipo de obras, un 23 % máis que o orzamento destinado a tal fin en 2022.