A Xunta asigna 400.000 euros ao Concello de Cortegada para a rehabilitación do casco antigo

1 de 1

Trátase de axudas para a restauración a nivel de barrios, financiadas con fondos europeos

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2023

A Xunta asigna 400.000 euros ao Concello de Cortegada para actuacións de rehabilitación no casco antigo da localidade, declarado como Entorno residencial de rehabilitación programada (ERRP), ao abeiro do programa de rehabilitación a nivel de barrios, financiado con fondos europeos.

 

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, mantivo unha xuntanza co alcalde de Cortegada, Avelino Luis de Francisco, co obxectivo de explicar as actuacións que se poden realizar cos fondos asignados e que beneficiarán tanto a particulares que rehabiliten as súas vivendas como ao propio concello, que poderá recibir axudas para actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito declarado ERRP.

 

Heriberto García indicou que é necesario asinar un acordo entre o Concello, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e o Instituto Galego da Vivenda e Solo e, a continuación, o concello poderá publicar a convocatoria das axudas para que os propietarios de vivendas interesados na súa rehabilitación presenten as solicitudes.

 

As subvencións previstas neste programa van destinadas a inmobles nos que, polo menos, o 50% da superficie construída sobre rasante teña un uso residencial de vivenda, excluíndo a planta baixa e outra plantas inferiores que alberguen outros usos compatible.

 

O importe da axuda depende do grao de eficiencia enerxética conseguido coa actuación de rehabilitación que se execute, e pode ser do 40%, do 65% ou do 80% do orzamento, acadando un máximo de 29.425 euros por vivenda. En todo caso, a axuda poderá acadar o 100% do investimento realizado, excluídos impostos, cando se identifiquen situacións de vulnerabilidade económica nalgún dos propietarios da vivenda.

 

Ademais, poderá concederse unha axuda adicional de ata 12.000 euros no caso de que sexa necesario retirar elementos con amianto.

 

Os concellos tamén poderán beneficiarse dos incentivos previstos neste programa para obras de urbanización, reurbanización ou mellora do entorno físico. O importe da axuda ao concello será dun 15% adicional sobre as contías máximas da axuda por vivenda. Ademais, recibirán 800 euros por vivenda rehabilitada para financiar a oficina municipal de rehabilitación.

 
Na provincia de Ourense, ademais de Cortegada, recibirán fondos para a rehabilitación a nivel de barrio os concellos de Ourense (2.000.000 €), A Veiga (450.000 €), Celanova (300.000 €), Ribadavia (300.000 €) e Vilar de Santos (287.000 €).

Imaxes relacionadas