A Xunta subliña que o anteproxecto de lei estatal para reforzar a seguridade xurídica no urbanismo asume as demandas do manifesto liderado por Galicia

Valora a oportunidade desta iniciativa lexislativa xa que a anulación dos plans xerais se converteu nun problema estrutural que afecta a todas as comunidades e urxe á súa aprobación canto antes para ofrecer unha solución eficaz á situación actual

No ano 2017 o Goberno galego foi o primeiro en advertir das repercusións de declarar a nulidade de pleno dereito dun planeamento urbanístico sen opción de corrixir os defectos detectados e propuxo un Pacto nacional pola seguridade xurídica

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo presentou dúas alegacións ao contido do documento no marco do trámite de información pública

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2023

A Xunta subliña que o anteproxecto lexislativo que impulsa o Goberno central para reforzar a seguridade xurídica no eido da ordenación territorial e do urbanismo recolle e asume os principios fundamentais que inspiraron o Manifesto urbanístico impulsado o ano pasado por Galicia e que foi subscrito por 13 comunidades e as dúas cidades autónomas, ademais doutras administracións públicas e de colectivos profesionais ligados a este eido.

O texto normativo polo que se modifica a Lei do solo e rehabilitación urbana estatal responde a unha vella demanda do Goberno galego. Por este motivo, a Xunta valora a súa oportunidade tendo en conta que nos últimos anos a anulación de planeamentos urbanísticos municipais se converteu nun problema estrutural en todas as comunidades e urxe a súa aprobación para ofrecer unha solución eficaz e definitiva o antes posible.

De feito, cómpre lembrar que o Goberno galego foi o primeiro en advertir, xa no ano 2017, das nefastas repercusións da declaración de nulidade de pleno dereito dun plan xeral ou de calquera outro instrumento urbanístico sen opción a que a Administración local afectada poida corrixir os defectos detectados.

Por iso, propuxo impulsar un Pacto nacional pola seguridade xurídica do urbanismo en todo o país e mantivo numerosos contactos nos últimos anos tanto co Goberno central como con outros gobernos autonómicos para avanzar nesa dirección.

Os seus esforzos concretáronse o ano pasado na celebración en Santiago de Compostela do Encontro autonómico Xacobeo 21-22 por un urbanismo responsable, no marco do cal se acordou impulsar o Manifesto pola seguridade xurídica do planeamento territorial e urbanístico, avalado pola meirande parte das comunidades autónomas e que lle foi trasladado ao Goberno central a finais do pasado mes de setembro.

Neste sentido, a Xunta valora moi positivamente a iniciativa lexislativa que está a tramitar agora o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, xa que comparte o planteamento e algunhas das propostas recollidas no referido Manifesto.

En todo caso, no marco do trámite de audiencia e información pública do anteproxecto de lei que finalizou estes días, cómpre subliñar que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo presentou dúas alegacións co fin de enriquecer o seu contido. En concreto, a primeira destas achegas refírese á exclusión da regra do silencio administrativo no caso da construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública, unha excepción que a Xunta propón estender a todas as obras de edificación de nova planta co fin de axilizar a concesión de licenzas urbanísticas.

Así mesmo, a segunda achega realizada por Galicia ao anteproxecto ten que ver coa creación dunha plataforma para axilizar a emisión de informes sectoriais. Se ben a Xunta considera que esta medida novidosa pode ser positiva e útil, suxire que se reforce tamén con outros cambios relativos á unificación da xestión destes informes, algo que, no caso galego, xa se están aplicando e cunha demostrada efectividade.