A Xunta define o concepto de rehabilitación integral de cara a facilitar a concesión de permisos e licencias urbanísticas

1 de 1

Encarnación Rivas pon en valor a colaboración e coordinación administrativa para unificar criterios en materia urbanística

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2023 A Xunta define o concepto de rehabilitación integral de cara a facilitar a concesión de permisos e licencias urbanísticas nun informe emitido pola Xunta consultiva en materia de ordenación do territorio e Urbanismo na reunión que mantivo hoxe a súa comisión permanente.

Deste xeito, logo de consultar a Dirección Xeral do Catastro, estímase que se considere rehabilitación integral o conxunto de accións ou medidas que teñan por obxecto a recuperación dun uso orixinal perdido ou a implantación dun novo uso compatible, que adoita acompañarse dunha adecuación tanto estrutural como funcional, proporcionando mellores condicións de uso e seguridade e que, ademais, supoña a restitución da totalidade da edificación ao estado equivalente dunha obra de nova construción.

A maiores, a comisión permanente tamén abordou a cuestión da parcela que debe terse en conta para a obtención de licenza urbanística municipal en zonas afectadas por procedementos de concentración ou reestruturación parcelaria sen resolución firme.

Neste caso, emitiu un ditame no que establece que as parcelas que se terán en conta na devandita situación serán os predios de substitución e que o outorgamento das licenzas requirirá da autorización previa do servizo provincial competente en materia de medio rural.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, puxo en valor a colaboración e coordinación administrativa para unificar criterios en materia urbanística.

Imaxes relacionadas