O boicot do concello de Vigo aos orzamentos do Consorcio Casco Vello paraliza cinco novas rehabilitacións

Marta Fernández-Tapias tivo que retirar do punto do día do comité executivo unha proposta para a reforma dun edificio por non dispor de presuposto

O interventor sinala que “non é aconsellable encargar a redacción de proxectos se non poden ser licitados ou adxudicados”

A representante autonómica reprocha o empeño do alcalde en “torpedear a labor dun organismo que suma 83 edificacións e 117 vivendas rehabilitadas”
 

Vigo, 26 de xaneiro de 2023.- A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Marta Fernández-Tapias, lamentou este xoves que a negativa do Concello de Vigo á aprobación dos orzamentos do organismo ten bloqueadas cinco novas rehabilitacións no barrio histórico.

 

Segundo informou, o Consorcio levou na súa sesión do comité executivo deste xoves o proxecto para a reforma do inmoble situado no número 9 de Subida á Costa pero foi necesaria a súa retirada ante o informe do interventor. “Non parece aconsellable encargar a redacción de proxectos se non poden ser licitados ou adxudicados”, sinala na proposta.

 

No seu informe, engade que “a variación de prezos (inflación) e os desaxustes loxísticos do mercado, introducen unha caducidade moi curta nos prezos das materias primas, polo que, o orzamento previsto nos proxectos carece de valor real aos efectos da licitación”. A delegada indicou que agardará a unha reasignación de créditos para poder levar de novo o proxecto ao comité e así impedir a paralización do Consorcio pese aos bloqueos do Concello.

 

Ademais, Fernández-Tapias tamén foi informada de que debido á falta de orzamentos existen outros catro proxectos de rehabilitación paralizados en distintas fase de execución. “Estamos nunha situación de bloqueo técnico debido a que está a torpedear a labor dun organismo que suma 83 edificacións e 117 vivendas rehabilitadas”, sinalou.

 

Compre lembrar que pese a representar tan so o 10% do CCVV, o 90% restante corresponde a Xunta de Galicia, é necesario o visto e prace do Concello vigués para poder executar as partidas orzamentarias previstas.

 

A negativa provoca que o organismo estea así a funcionar coas contas prorrogadas do 2021, o que implica de facto o bloqueo da rehabilitación de 9 edificacións e 14 vivendas de promoción pública, que suman en conxunto unha inversión superior aos 1,5 millóns de euros.