A Xunta ofrece preto de 900.000 m2 de solo urbanizado a prezos bonificados en 37 parques empresariais de toda Galicia

As empresas interesadas nestas 380 parcelas poderán beneficiarse de descontos sobre o prezo de venda estimados en máis de 34,8 M€

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocará o próximo luns un novo concurso para a adquisición de 517.720,12 m2 de solo empresarial repartidos entre 215 parcelas en polígonos de Xestur

A oferta de solo para 2023 complétase con outros 86.521 m2 que a empresa pública sacará á venda ao longo deste ano e cos 288.686,96 m2 dispoñibles para compra directa nos parques propiedade do IGVS

O Goberno galego adxudicou desde 2015 preto de 2,9 millóns de m2 de solo empresarial, dos cales case o 88% se venderon con bonificacións de ata o 50%

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2023 A Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e da empresa pública Xestur, ofrece este ano ás empresas galegas ou a aquelas que queiran asentarse na Comunidade preto de 900.000 m2 de solo urbanizado a prezos bonificados nun 30% ou nun 50%. Unha superficie distribuída en 380 parcelas de 37 parques empresariais localizados nas catro provincias.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou un proxecto de acordo ao Consello da Xunta no que avanza que, no caso de venderse a totalidade da superficie ofertada, as empresas interesadas poderían beneficiarse de descontos sobre o prezo das parcelas estimados en máis de 34,8 millóns de euros.

Así mesmo, a Xunta tamén ofrece a posibilidade de acceder a solo a través doutras tres modalidades: adxudicación en dereito de superficie a cambio do pago dun canon reducido (que oscila entre os 0,75 euros por m2 e ano e os 3,12 euros por m2 e ano); arrendamento; ou compravenda con pago aprazado ata en 8 anos.

En concreto, o vindeiro luns, 13 de febreiro, Xestur convocará un novo concurso para a adquisición de 517.720,12 m2 de solo empresarial, repartidos entre 215 parcelas de 18 polígonos. A esta superficie hai que engadir a previsión de convocar, ao longo deste ano 2023, o concurso de venda de máis de 86.500 m2 en desenvolvemento en Xinzo de Limia. O solo empresarial dispoñible en Galicia complétase tamén coa superficie propiedade do IGVS, que ofrece 288.686,96 m2 para a venda, distribuídos en 142 parcelas de 18 parques.

Da superficie total que estará dispoñible este ano nos polígonos da Xunta, as maiores bolsas de solo se localizan nos parques de Morás, en Arteixo, con 119.000 m2; A Reigosa, en Ponte Caldelas, no que se ofertarán 112.000 m2; ou o xa citado de Xinzo de Limia.

O obxectivo do Goberno galego é seguir a traballar para ofrecer as mellores condicións para que as empresas se implanten na nosa Comunidade, coa conseguinte creación de riqueza e postos de traballo.

De feito, cómpre salientar que 2022 foi o segundo ano co mellor balance de venda de solo empresarial desde que a Xunta ofrece bonificacións. Os 540.000 metros cadrados adxudicados no conxunto de Galicia o ano pasado unicamente se viron superados polos 640.000 m2 que se venderon en 2019, un ano de récord.

Política de bonificacións da Xunta de Galicia

A política de bonificacións da Xunta de Galicia, que é a única administración pública que fixa incentivos para a venda de solo en todas as parcelas da súa titularidade, deu como resultado a adxudicación, entre os anos 2015 e 2022, de preto de 2,9 millóns de metros cadrados, dos cales case o 88% se venderon con bonificacións de ata o 50%.

Máis polo miúdo, o solo adxudicado en compravenda —máis de 2,5 millóns de m2— supuxo o desembolso por parte dos adquirentes de máis de 142 M€, despois de que se lle aplicaran bonificacións no prezo por importe de 83 M€; mentres que as parcelas asignadas en dereito de superficie teñen un valor de máis de 22,2 millóns de euros.

En total, foron 565 as empresas adxudicatarias de solo neste período (tanto en compravenda como en dereito de superficie) e estímase que das operacións realizadas nos últimos 8 anos derivouse un investimento indirecto superior aos 800 M€, coa creación de máis de 8.000 empregos.

Deste xeito, a aposta da Xunta de Galicia por incentivar a actividade das empresas a través das súas políticas de acceso ao solo empresarial acada no período 2015-2022 os 105,2 millóns de euros. E, para continuar con esa estratexia, o Goberno galego reservou unha partida de 7 M€ nos orzamentos da Comunidade para 2023 para continuar aplicando bonificacións na adquisición de solo.

Ademais, mobilizará outros 27 M€ para impulsar actuacións como a adquisición de terreos ou a urbanización de espazos co obxectivo de optimizar os parques empresariais de toda Galicia. De feito, a Xunta está a desenvolver un total de 6,86 millóns de metros cadrados no conxunto da Comunidade para atender as actuais e futuras necesidades.