A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e o Concello de Crecente avogan pola colaboración para garantir un uso sostible e ordenado do territorio

1 de 1

Durante un encontro recente revisaron os diferentes núcleos de poboación, espazos protexidos e infraestruturas do municipio, analizando as súas singularidades urbanísticas

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2023 A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e o Concello de Crecente salientan a colaboración como elemento clave para garantir un uso sostible e ordenado do territorio.

 

No transcurso dunha reunión para analizar os resultados da colaboración que manteñen o organismo autonómico e mais o Goberno local no eido do urbanismo, o director da APLU, Jacobo Hortas, e o rexedor, Julio César García-Luengo, coincidiron na importancia de seguir apoiándose mutuamente e centrar as inspeccións naqueles puntos que poden resultar máis delicados.

 

A maiores, Hortas e García-Luengo incidiron na necesidade de seguir colaborando para velar polo cumprimento da normativa e do planeamento urbanístico e, de feito, aproveitaron o encontro para revisar os diferentes núcleos de poboación, espazos protexidos e infraestruturas de Crecente, analizando as súas particularidades urbanísticas.

 

Pola súa parte, o rexedor municipal interesouse polas actuacións que leva a cabo a APLU co obxectivo de divulgar e mellorar o coñecemento sobre a ordenación do territorio, o urbanismo e a preservación da paisaxe como elemento e sinal de identidade.

 

Neste sentido, Jacobo Hortas subliñou que os técnicos da Axencia están á disposición dos municipios galegos fin de tratar de resolver calquera dúbida ou necesidade que poida xurdir, así como para ofrecerlles formación especializada ao seu persoal.

 

Ademais, tamén informou o alcalde da posibilidade de presentar consultas en materia urbanística á Xunta consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo, posta en marcha o pasado ano 2022 polo Goberno galego co obxectivo de asesorar e emitir informes sobre a interpretación da normativa vixente neste ámbito que lle formulen dende a propia administración autonómica e tamén dos concellos, colexios profesionais e organizacións empresariais afectadas pola ordenación territorial e urbanísticas.

Imaxes relacionadas