A Xunta aclara aos concellos o concepto de acceso rodado de uso público de cara á edificación en solo rural e á concesión de títulos habilitantes en rústico

1 de 1

Tamén explica que en solo de núcleo rural é posible constituír un réxime de propiedade horizontal, tal e como se estableceu na Circular de vivendas colectivas para o solo rústico

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2023 A comisión permanente da Xunta consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo aclarou na reunión celebrada hoxe o concepto de acceso rodado de uso público de cara a facilitar aos concellos a autorización de edificacións en solo de núcleo rural e a concesión de títulos habilitantes en rústico, dado que se trata dun requisito establecido pola normativa urbanística vixente para eses procedementos.

Deste xeito, considérase acceso rodado de uso público aquel que se utiliza, de forma pacífica, ininterrompida e desde tempo inmemorial, como vía de acceso por calquera persoa por considerarse un dereito inherente á colectividade con independencia da súa titularidade, que pode ser pública ou privada. Ademais, a súa aparencia exterior e o seu trazado debe estar destinado ao uso público ao longo de todo o seu percorrido e claramente diferenciado das parcelas colindantes.

Pola contra, segundo explicou a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, que presidiu a reunión, non teñen esa consideración as servidumes de paso, as serventías nin aqueles accesos derivados de actos de mera tolerancia do propietario do terreo polo que discorren.

Cómpre lembrar tamén que debe entenderse por acceso rodado público aquel percorrido que transcorra por terreos da titularidade dalgunha concesión.

A maiores, a comisión permanente desta xunta consultiva informou que en solo de núcleo rural é posible constituír un réxime de propiedade horizontal, tal e como se estableceu na Circular de vivendas colectivas para o solo rústico.

Non obstante, neste caso é imprescindible que o planeamento urbanístico permita máis dunha vivenda por parcela. E, no caso de querer implantar un uso complementario nunha vivenda unifamiliar, tamén debe estar autorizado pola ordenación urbanística vixente.

Imaxes relacionadas