A Xunta aproba o plan urbanístico do Incio, que fixa as previsións que marcarán a evolución deste municipio nos próximos 25 anos

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Ángeles Vázquez salienta que se trata do primeiro PXOM que se aproba en 2023


O Goberno galego leva case 14 anos dotando á Comunidade dun marco normativo adaptado e traballando man a man cos concellos para impulsar un urbanismo responsable

 

O Incio (Lugo), 6 de marzo de 2023 A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou hoxe a orde pola que se aproba o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Incio, que fixa as previsións que marcarán a evolución deste municipio nos próximos 25 anos.

 

Cómpre salientar que este concello xa contaba cun PXOM adaptado á normativa urbanística vixente, que fora aprobado no ano 2005, pero, segundo dixo a conselleira, era necesario revisalo e actualizalo para facer unha análise máis completa de todos os aspectos que inciden na ordenación territorial do municipio e poder beneficiar aos preto de 1.536 habitantes que se distribúen en 28 parroquias.

 

Así, logo de facer fincapé en que se trata do primeiro PXOM aprobado en 2023, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que foron varias as necesidades que impulsaron esta actualización, como a regularización da ordenación segundo o parcelario e a revisión do límite municipal do Concello.

 

Ademais, tamén foi necesario definir un modelo de asentamento da poboación que responda á realidade territorial e revisar cuestións como o solo rústico de especial protección, o sistema de asentamento de núcleos rurais e o solo especialmente protexido de augas. E, en materia de patrimonio, incorporáronse os túmulos en Serra de Arriba e Seixas, logo de ser atopados neste último período.

 

Deste xeito, este novo plan urbanístico supuxo volver a estudar a totalidade da superficie do termo municipal -146 km2- dando como resultado que máis do 98% do territorio do Incio é solo rústico, seguido polo de núcleo rural -preto do 1,5%-, o urbano e o urbanizable.

 

A maiores, a conselleira subliñou que o PXOM aprobado hoxe prevé preto de 105.000 metros cadrados para espazos libre e zonas verdes e máis de 28.500 metros cadrados para equipamentos comunitarios.

 

Urbanismo responsable

A aprobación do plan urbanístico do Incio enmárcase na “aposta decidida da Xunta por lograr que non haxa ningún concello sen PXOM”, dixo Ángeles Vázquez, quen lembrou que o Goberno galego leva case 14 anos dotando á Comunidade dun marco normativo adaptado e traballando man a man cos concellos para impulsar un urbanismo responsable.

 

Este esforzo manterase en 2023 xa que os orzamentos autonómicos para este ano reservan máis de 3,2 millóns de euros para continuar axudando aos concellos na redacción dos seus plans urbanísticos.

 

E, no eido normativo, Galicia impulsou o Manifesto pola seguridade xurídica do planeamento territorial e urbanístico, ao que se adheriron a maior parte das Comunidades autónomas, e que insta ao Goberno central a aprobar unha lei que outorgue seguridade xurídica e permita solucionar a problemática á que se enfrontan os concellos no momento no que se anulan os seus instrumentos de ordenación.

Imaxes relacionadas