A Xunta e o Concello de Guntín estudan vías de colaboración para a remodelación da praza da Igrexa do municipio

1 de 1

Esta actuación podería acometerse ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza

O Goberno galego destinará 8,6 M€ este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia e o Concello de Guntín estudan vías de colaboración para levar a cabo a remodelación da praza da Igrexa da localidade. De feito, esta iniciativa foi avaliada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha reunión que mantivo recentemente coa alcaldesa do municipio, María José Gómez.

Durante a xuntanza, Ángeles Vázquez trasladoulle á rexedora a posibilidade de que ese proxecto municipal, que estima un investimento inicial de preto de 50.000 euros, se poida acoller ao chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de iniciativas que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, de ratificarse a colaboración, a Xunta financiaría o 70% da obra e o concello asumiría o 30% restante.

A conselleira lembrou que, desde a posta en marcha do plan Hurbe, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos, co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.

De feito, no caso de Guntín xa se acolleron a esta iniciativa proxectos como a rehabilitación de estrada do grupo escolar, a reforma da piscina municipal e a urbanización e mellora accesibilidade instalacións deportivas municipais, por un importe global de preto de 160.000 euros.

Ademais, a Xunta destinará 8,6 millóns de euros este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

Imaxes relacionadas