A Xunta e o Concello de Paradela destinarán máis de 256.000 € á mellora da praza pública de Pacios

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Entre as accións previstas, está un cambio de pavimento, a reparación de sumidoiros e a instalación de alumeado e mobiliario urbano

Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza

O Goberno galego destinará 8,6 M€ este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23 % máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia e o Concello de Paradela acordaron destinar máis de 256.000 euros á humanización da praza pública do de Pacios, segundo recolle o convenio asinado hoxe pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade lucense, José Manuel Mato.

Esta actuación, cun prazo de execución de 4 meses, acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, tal e como explicou Ángeles Vázquez, a Xunta financiará o 70 % da obra e o concello asumirá o 30 % restante.

Neste caso concreto, levarase a cabo unha intervención para mellorar a praza localizada diante da antiga casa do concello, un espazo con escaso equipamento urbano e fortemente delimitado polos peches das propiedades privadas. Así, a obra consistirá, fundamentalmente, na pavimentación do solo con pedra, na reparación de sumidoiros e a incorporación de alumeado e mobiliario urbano, como bancos de pedra e papeleiras.

Durante a sinatura deste convenio, a conselleira felicitou ao alcalde da localidade pola súa aposta en favor do fermosismo e o benestar da veciñanza, e aproveitou para lembrar que, desde a posta en marcha do plan Hurbe, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos, co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.

Cómpre salientar que o Concello de Paradela xa se beneficiou nos últimos anos deste plan, que permitiu, por exemplo, humanizar e dotar de equipamento público por un importe de máis de 153.000 euros á rúa Galicia, á rúa da Escola e á rúa Cabaleiros de Santiago.

Ademais, o Goberno galego seguirá apoiando este ano ás entidades locais na execución deste tipo de intervencións urbanísticas cun orzamento de 8,6 millóns de euros, un 23 % máis que o reservado a tal fin en 2022.

Imaxes relacionadas