Ángeles Vázquez participa na entrega dos XX Premios COAG de Arquitectura

1 de 1

Cervo (Lugo), 18 de marzo de 2023 A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou hoxe na gala de entrega dos XX Premios COAG de Arquitectura, cos que o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia recoñece as mellores obras arquitectónicas e urbanísticas visadas na Comunidade nos últimos dous anos.

Estes galardóns enmárcanse no intenso labor que realiza o COAG co fin de divulgar e poñer en valor o papel que xoga esta disciplina na ordenación do territorio e no desenvolvemento urbanístico así como no seu compromiso para avanzar cara ao fermosismo e unha maior protección da paisaxe.
 
Neste sentido, cómpre subliñar a fluída colaboración que desde hai décadas mantén a Xunta coa entidade e que deu como resultado iniciativas tan consolidadas en Galicia como o Proxecto Terra, unha iniciativa de cooperación co mundo educativo que busca contribuír a mellorar a formación dos escolares galegos sobre a xente e os diferentes espazos que habitan.
 
Así, trátase dun programa escolar que nos seus máis de 20 anos de funcionamento se converteu nunha iniciativa afianzada, con contidos útiles, actividades de interese e experiencias formativas para as etapas educativas ás que se dirixe (infantil, primaria, secundaria, bacharelato e FP). O obxectivo é mellorar o coñecemento que a cidadanía ten do urbanismo, a arquitectura e a paisaxe empezando polos máis cativos e a través do eido educativo.

Imaxes relacionadas