A Xunta e o Concello do Pereiro de Aguiar destinarán máis de 204.000 € á humanización da contorna da Casa do Concello

1 de 2
2 de 2

Entre as accións previstas, que lle darán continuidade a unha obra realizada na mesma zona o ano pasado, está a repavimentación e a construción dun aparcadoiro

Os traballos acometeranse ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia e o Concello do Pereiro de Aguiar destinarán máis de 204.000 euros á mellora da contorna da casa consistorial, segundo recolle o convenio asinado hoxe pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde ourensán, Luis Menor.

Esta actuación, cun prazo de execución de 5 meses, acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, tal e como explicou Ángeles Vázquez, a Xunta financiará o 70% da obra e o concello asumirá o 30% restante.

Neste caso concreto, levarase a cabo unha intervención para mellorar a contorna da Casa do Concello. Así, a obra consistirá, fundamentalmente, na repavimentación da rúa que se atopa fronte ao edificio e, na parcela localizada ao leste do mesmo, a construción dun aparcadoiro co fin de aproveitar ao máximo o espazo dispoñible.

Cómpre salientar que o Concello do Pereiro de Aguiar e a Consellería xa colaboraron tamén na humanización e mellora do equipamento público do núcleo principal do municipio, unha obra rematada o ano pasado e na que ambas administracións investiron máis de 165.000 euros.

De feito, a actuación comprometida hoxe, que se desenvolverá tamén no lugar do Pereiro, enmárcase no mesmo proxecto municipal e permitirá darlle continuidade e completar os traballos de humanización xa executados.

Durante a sinatura, Ángeles Vázquez eloxiou o labor do alcalde promovendo un proxecto destinado a mellorar a calidade de vida da veciñanza. Ademais, a conselleira aproveitou para lembrar que, desde a posta en marcha do plan Hurbe, se mobilizaron ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos, co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.

Ademais, o Goberno galego seguirá apoiando este ano ás entidades locais na execución deste tipo de intervencións urbanísticas cun orzamento de 8,6 millóns de euros, un 23% máis que o reservado a tal fin en 2022.

Imaxes relacionadas