A Xunta e o Concello de Cualedro abordan a posible humanización da contorna da rúa Maior na Xironda

1 de 1

Ángeles Vázquez explica que esta actuación podería encaixar nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta co fin de axudar ás administracións locais a financiar proxectos que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023 A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, abordaron o proxecto municipal para a humanización da contorna da rúa Maior na parroquia da Xironda durante unha reunión que mantiveron hoxe en Santiago de Compostela.

Segundo lle trasladou a conselleira ao rexedor, esta actuación podería encaixar nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, e se a Consellería decide apoiar o proxecto, o Goberno galego financiaría o 70% e o concello o 30% restante. 

Cómpre lembrar que desde a posta en marcha do plan Hurbe se mobilizaron ao redor de 165 millóns de euros para o financiamento de máis de 415 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.  

Precisamente o Concello de Cualedro xa se acolleu a esta iniciativa para realizar actuacións como a mellora do pavimento e servizos da rúa da Igrexa na Xironda, a humanización da praza da Xuntanza na Pedrosa ou a construción dunhas piscinas municipais. De feito, a Xunta destinará 8,6 millóns este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022. 

Por outra banda, a conselleira comprometeuse a estudar posibles vías de colaboración co Concello de Cualedro nalgún proxecto municipal co fin de incrementar o actual parque público residencial do municipio.

Imaxes relacionadas