A Xunta pecha unha nova edición do obradoiro Eu son inspect@r urbanístic@ con máis de 1.700 participantes

1 de 2
2 de 2

A través do Proxecto Terra, 30 centros de educación infantil, primaria e secundaria das catro provincias recibiron 72 actividades impartidas por persoal técnico da APLU

Este ano sumáronse a iniciativa 11 colexios máis que o curso anterior, permitindo formar a uns 700 escolares máis que o ano pasado

Debido á gran demanda detectada, o vindeiro curso realizarase unha nova edición desta actividade lúdico-educativa

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2023 Persoal técnico especializado da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) adscrita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda desprazouse nos últimos seis meses ás aulas de 30 de centros educativos de toda Galicia para concienciar e divulgar información sobre a paisaxe galega no marco da actividade Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio, coida do teu.

Así, este curso pechou coa participación de máis de 1.700 escolares de centros de educación infantil, primaria e secundaria das catro provincias; uns 700 estudantes máis que o ano anterior. Concretamente, as 72 actividades lúdico-educativas realizáronse en 12 centros da provincia da Coruña, 6 de Lugo, 1 de Ourense e 11 de Pontevedra.

Por outra banda, cómpre subliñar que ademais dos obradoiros impartidos por parellas de persoas inspectoras e subinspectoras da APLU, para o alumnado máis cativo tamén se desenvolveu unha actividade baseada na función teatral Loxedetodo, un modelo de urbanismo, por conta do grupo artístico Trinke Trinke.

Esta iniciativa, impulsada pola Xunta en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia no marco do Proxecto Terra, ten como obxectivo promover o coñecemento do territorio, dos elementos que o compoñen, da contorna próxima e da súa paisaxe, trasladando á poboación máis nova o valor e a importancia de coidalo.

En vista da gran demanda que houbo este ano para participar en Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio, coida do Teu, o vindeiro curso 2023-2024 levarase a cabo unha nova edición. Deste xeito, os centros interesados poderán solicitar sumarse ao proxecto na convocatoria que se abrirá o último trimestre do ano.

Imaxes relacionadas