A Xunta e o Concello de Ferrol asinan os convenios do programa de barrios que permitirá investir 3,5 M€ en obras de rehabilitación enerxética en 4 zonas da cidade

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Ángeles Vázquez subliña que Ferrol é o cuarto municipio galego que máis fondos recibe no marco da primeira convocatoria das axudas, financiadas con fondos da UE

Os propietarios de inmobles residenciais nos barrios históricos da Madalena e Ferrol Vello, en Recimil, en Esteiro Vello e na Graña poderán acceder a incentivos de ata 29.495 € aínda que o importe dependerá do grao de eficiencia acadado coa reforma
 

Ferrol, 27 de xuño de 2023.- A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, asinaron esta mañá os convenios correspondentes ao reparto dos fondos do programa de rehabilitación a nivel de barrio, convocado o ano pasado por primeira vez e que no caso da cidade departamental permitirá dispoñer de 3,5 millóns de euros para destinalos a axudas de mellora da eficiencia enerxética en vivendas e edificios residenciais.

Este programa, financiado con cargo a fondos europeos procedentes do Next Generation UE, distribuirá case 33 millóns de euros entre os 28 municipios galegos que resultaron beneficiarios, entre eles Ferrol, que tal e como salientou a vicepresidenta segunda, é o cuarto concello que máis financiamento recibe no marco desta primeira convocatoria.

En concreto, o Concello destinará os 3,5 millóns asignados a convocar axudas dirixidas a propietarios de vivendas localizadas nas catro áreas declaradas contornas residenciais de rehabilitación programada. Deste xeito, os interesados poderán acceder a subvencións de ata 29.495 euros para realizar obras de rehabilitación que contribúan a facer máis eficientes e confortables os seus inmobles aínda que o importe final dependerá do grao de mellora da eficiencia enerxética que se acade coa intervención.

A maiores, cómpre indicar que o Concello de Ferrol tamén poderá beneficiarse destes fondos para promover obras de urbanización, reurbanización ou mellora do entorno físico destes barrios, con axudas que, neste caso, serán dun 15% adicional sobre as contías máximas das axudas por vivenda.

Neste sentido, Ángeles Vázquez explicou que as zonas da cidade que se beneficiarán destas axudas son os barrios históricos da Madalena e Ferrol Vello, Recimil, Esteiro Vello e A Graña, catro ámbitos que se corresponden tamén coas áreas de rehabilitación integral (ARI) existentes no concello.

De feito, explicou que estas subvencións permitirán darlle continuidade aos investimentos realizados ou comprometidos nestas zonas, xa que, recordou, o Concello conta nestes momentos cun total de 3,9 millóns de euros asignados para a concesión de axudas para actuacións de rehabilitación residencial dentro das súas catro ARIs.

Así mesmo, a vicepresidenta segunda incidiu tamén na importancia dos convenios asinados hoxe para unha “cidade histórica” como Ferrol, cun casco antigo único e que, por conseguinte, se ten que “revitalizar e rexurdir” con investimentos como os que achegará o programa de rehabilitación a nivel de barrio.

Unha aposta pola recuperación e a rexeneración urbana das súas áreas máis emblemáticas, engadiu, que tamén se reflicte no feito de que Ferrol sexa o municipio galego no que a Xunta adquiriu un maior número de inmobles para rehabilitar, ou na recente declaración da Área Rexurbe de Ferrol, promovida polo Concello o ano pasado e que recibirá un pulo definitivo grazas ao plan de dinamización que está a redactar o Goberno local e que lle dará acceso aos propietarios a máis financiamento.

Precisamente e tras asinar os catro convenios, a conselleira e o alcalde desprazáronse ata a rúa Real, no barrio da Madalena, para supervisar o resultado das obras de rehabilitación acometidas nun edificio residencial grazas a unha axuda da Xunta concedida con cargo aos fondos destinadas a esta ARI.

Imaxes relacionadas