Rueda avanza a licitación de 40 novas vivendas de promoción pública no barrio coruñés de Xuxán

Icono cerrar

Declaracións do presidente da Xunta

1 de 1

Sinala que o Goberno galego fai cada ano un “grande esforzo” por promover novas vivendas protexidas e rehabilitar inmobles para alugueiro social

Enmarca esta nova licitación na estratexia da Xunta en materia de vivenda, que fixa como obxectivo incrementar nun 50% o parque público residencial ata chegar ás 5.600 vivendas en 2026

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou a aposta do Goberno galgo en materia de vivenda coa autorización da licitación, hoxe no Consello, de 40 novas vivendas de promoción pública (VPP) en terreos localizados en Xuxán, na cidade da Coruña, e nas que a Administración autonómica investirá 7,7 millóns de euros.

Trátase de dar un paso máis nunha cuestión fundamental para a cidadanía. Por iso, puxo en valor que esta iniciativa se inscribe no “grande esforzo” que fai cada ano o Goberno galego en promover novas vivendas protexidas e en rehabilitar inmobles destinados a alugueiro social.

De feito, este compromiso enmárcase tamén na estratexia en materia de vivenda que o Goberno galego aprobou hai uns meses no Consello da Xunta. “Marcabamos como un dos obxectivos principais incrementar nun 50% o parque público residencial, ata chegar ás 5.600 vivendas no 2026”, recordou.

138 vivendas públicas no barrio de Xuxán

A licitación autorizada hoxe, e que se construirá entre este ano e o 2025, é o segundo grupo de VPP en Xuxán: así , vén a sumarse a outras 40 “xa rematadas e en proceso de adxudicación”, e outras 58 que teñen licitada a redacción do seu proxecto construtivo. “En total, 138 vivendas públicas neste barrio da Coruña, que se engaden a outras actuacións que se estamos facendo noutros lugares de Galicia”, apuntou.

A nova promoción pública do IGVS en Xuxán -un barrio en que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) é propietario do 50 % do solo e, polo tanto, financia tamén a metade dos custos da urbanización- localizarase nunha parcela cunha superficie de 1.280 metros cadrados. O inmoble disporá de 2 plantas subterráneas, onde se situarán os garaxes, e 1 planta baixa, que albergará os portais de acceso ás plantas residenciais, locais comerciais e espazos para instalacións comúns.

Ademais, nas 5 plantas altas distribuiranse as 40 vivendas proxectadas e no baixo cuberta situaranse os rochos e instalacións comúns. En total, o edificio disporá de 30 vivendas dotadas con 3 dormitorios (2 adaptadas para persoas con mobilidade reducida), 5 de 4 estancias e outras 5 de 2 habitacións; 88 prazas de garaxes (2 delas accesibles); 40 rochos (2 tamén accesibles); e 5 baixos comerciais.

A superficie das vivendas máis pequenas oscilará entre os 66 e os 68 metros cadrados de superficie útil, mentres que as de 3 dormitorios moveranse entre os 86 e os 93 metros cadrados e as de 4 dormitorios terán de 115 a 118 metros útiles.

O ámbito en que se construirá esta nova promoción pública correspóndese co antigo Parque Ofimático da Coruña, hoxe Xuxán, e en cuxo desenvolvemento leva implicada a Xunta desde o ano 1991. Actualmente está sendo urbanizado co financiamento da metade dos custos por parte do Goberno galego, que é propietario do 50 % do solo e ten comprometidos ao redor de 19 millóns de euros nas obras de urbanización do solo residencial dispoñible nos 2 polígonos en que se divide Xuxán.

O IGVS rematou este ano a construción das 40 primeiras vivendas de promoción pública de Xuxán —actualmente en tramitación para que poidan ser entregadas canto antes aos seus adxudicatarios e adxudicatarias— e licitou a redacción do proxecto doutras 58, ademais das 40 cuxa licitación autorizou esta mañá o Consello da Xunta.

A previsión é chegar a pór á disposición dos coruñeses neste barrio ao redor de 1.100 vivendas protexidas, incluíndo tanto as de promoción privada como as construídas directamente pola Xunta.

E, nesa liña, esta mesma semana publicouse na Plataforma de contratos públicos de Galicia a licitación da obra de construción de 38 vivendas de promoción pública na primeira fase da ampliación de San Paio de Navia, no concello de Vigo, por preto de 7,2 millóns de euros para executar nas anualidades 2023, 2024 e 2025. Trátase das primeiras vivendas que se licitan no polígono 1 da ampliación deste barrio residencial da cidade de Vigo, onde o Instituto Galego da Vivenda e Solo ten previsto construír un total de 207 vivendas, cuxos proxectos de obra están xa en redacción ou licitados.

Imaxes relacionadas