A Xunta adxudica por máis de 216.000 euros a obra de acondicionamento da contorna da igrexa de San Xoán Bautista, en Laza

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2023 A Xunta de Galicia adxudicou por máis de 216.000 euros a obra destinada ao acondicionamento da contorna da igrexa de San Xoán Bautista, no concello ourensán de Laza, tal e como recolle o convenio asinado o pasado mes de marzo entre o Goberno autonómico e o Concello.

 

A actuación, que conta cun prazo de execución previsto de 3 meses, consistirá nunha mellora do acceso á praza na que se atopa, na creación de espazos para peóns e zonas verdes, na impermeabilización do centro de emerxencias municipal e na habilitación dun espazo público na planta superior deste edificio, que ademais se atopa en pleno itinerario do Camiño de Santiago, concretamente na Vía da Prata, polo que a actuación urbanística proxectada na zona terá un impacto positivo sobre a imaxe que se levan os peregrinos ao seu paso polo municipio ourensán.

 

Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, a Xunta financiará o 70% da obra e o concello asumirá o 30% restante.