A Xunta traslada á CHMS a documentación remitida polo concello de Lugo sobre o PXOM para que valide o cumprimento dos seus condicionantes

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2023 A Xunta de Galicia trasladou á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a documentación remitida polo Concello de Lugo sobre os ámbitos correspondentes ao 5% do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que foi aprobado definitivamente por acordo municipal plenario do pasado 27 de abril, para que valide se na mesma foron cumprimentados os condicionantes incluídos nos informes emitidos con anterioridade por este organismo.

Cómpre lembrar que este procedemento de validación é imprescindible para proceder á inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia do documento técnico para aprobación definitiva relativa ao 5% do PXOM que está pendente de aprobación, tal e como solicitou o Concello de Lugo no escrito recibido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o pasado día 27 de xullo.

Unha vez que a CHMS valide o cumprimento dos condicionantes impostos, procederase á inscrición desa documentación coa máxima celeridade para que a cidade de Lugo poida ter un PXOM aprobado por completo o antes posible.