A Xunta pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes 6,36 M€ en préstamos sen xuros para rehabilitar e conservar edificacións municipais

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

Desde mañá e ata o 31 de outubro as entidades locais interesadas poden acollerse á sétima convocatoria do Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo

Ángeles Vázquez subliña que deste xeito se facilita a municipios pequenos o acceso a financiamento para executar obras de conservación e recuperación do patrimonio, comprar inmobles para rehabilitar ou elaborar plans especiais de protección

Desde o ano 2017 o IGVS asinou convenios con 39 concellos galegos por un importe de 17,73 M€ que permitiron levar a cabo xa un total de 78 intervencións

Ponteareas (Pontevedra), 24 de agosto de 2023 A Xunta de Galicia pon este ano á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un total de 6,36 millóns de euros para a concesión de préstamos sen xuros destinados a financiar obras de rehabilitación e conservación en edificacións que formen parte do patrimonio municipal.

Durante unha visita a Ponteareas, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou que hoxe mesmo sae publicada no Diario Oficial de Galicia a sétima convocatoria do chamado Fondo de cooperación, un programa xestionado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) desde o ano 2017 para apoiar ás entidades locais no acceso a financiamento para diferentes tipos de intervencións.

A partir de mañá e ata o vindeiro 31 de outubro, os municipios interesados poderán presentar as súas solicitudes ao fondo para acceder a préstamos sen xuros e que poden devolver á Xunta nun prazo de como máximo 8 anos.

Tal e como explicou a vicepresidenta, o importe concedido poderá destinarse a financiar, na súa totalidade ou parcialmente, actuacións de conservación e rehabilitación de edificacións municipais, á compra de inmobles con intención de incorporalos ao patrimonio do concello e acometer posteriormente a súa rehabilitación, ou á elaboración de plans especiais de protección.

Grazas a este fondo, no período 2017-2022 o IGVS asinou convenios de cooperación con 39 concellos galegos por importe de 17,73 millóns de euros, financiamento que axudou a executar un total de 78 actuacións sobre o patrimonio municipal construído.

Neste sentido, Ángeles Vázquez explicou que Ponteareas foi un dos municipios que se beneficiou deste programa nos últimos anos, cun total de 10 convenios asinados por un total de 2,31 millóns de euros que permitiron a restauración e adquisición doutros tantos inmobles no concello.

De feito, durante a súa visita a vicepresidenta tivo ocasión de comprobar in situ o resultado da rehabilitación acometida no número 13 da praza Maior, destinado a centro de dinamización empresarial, e a marcha dos traballos que actualmente se están a executar noutro edificio localizado na mesma praza e que o Concello prevé destinar, unha vez rematados, a residencia de artistas.

Exposición sobre cambio climático e emerxencias

Por outra banda, a responsable autonómica aproveitou a súa presencia en Ponteareas para achegarse ata a Casa do Concello xunto ao xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, onde esta mañá se inaugurou unha exposición itinerante organizada pola Xunta e que desde comezos deste mes de agosto percorre os concellos da área transfronteiriza para concienciar á poboación ante as emerxencias derivadas do cambio climático e dos desastres naturais.

Enmarcada no proxecto Protección Transfronteiriza de Emerxencias dirixida á Poboación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (Protempo), a iniciativa ten como obxectivo promover a concienciación sobre o cambio climático e a prevención e xestión de riscos, así como aumentar a resiliencia territorial ante os perigos naturais en zonas de fronteira.

Imaxes relacionadas