O Goberno galego declara ambientalmente viable o PXOM de Vigo

Icono cerrar

Declaracións do presidente da Xunta de Galicia

1 de 1

Destaca que emite un informe favorable tan só seis días despois de que o Concello lle remitise a documentación necesaria para analizar o expediente

Asegura que “desde o principio” o Goberno galego “fixo todo o posible” para que Vigo teña un novo plan xeral acortando “ao máximo” os prazos administrativos que dependen do Executivo autonómico

O instrumento de ordenación supera deste xeito o último trámite necesario para que o pleno municipal de Vigo poida proceder a aprobalo de forma provisional
 

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico acaba de declarar ambientalmente viable o novo Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Vigo e faino, ademais, tan só seis días despois de que o Concello lle remitira a documentación completa e necesaria para poder analizar o expediente. O titular do Executivo asegurou que contar con este planeamento é algo “moi importante para as persoas que viven e traballan en Vigo, a primeira cidade de Galicia”.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda formulou hoxe a declaración ambiental favorable do documento urbanístico, que empezou a tramitar o Concello de Vigo a raíz da anulación por parte da Xustiza do planeamento aprobado no ano 2008. “Desde o principio, a Xunta fixo todo o posible para que o Concello de Vigo teña un PXOM adaptado á legalidade”, indicou o presidente, quen asegurou que se acortaron “ao máximo os prazos administrativos que dependen da Xunta”.

Tal e como explicou na rolda de prensa tras o Consello, o novo instrumento de ordenación de Vigo supera deste xeito o último trámite necesario “antes de que o Concello poida aprobalo de forma provisional”. Na Declaración Ambiental Estratéxica pola que se resolve a viabilidade do PXOM se solicita tamén á subsanación de certas cuestións de tipo documental, unha serie de eivas detectadas pola Xunta que deberá ter en conta o Concello de Vigo no documento pero isto non impide a súa inmediata aprobación.

Así, unha vez superada a avaliación ambiental ante a Xunta, corresponde a continuación ao Concello de Vigo a realización dos trámites oportunos de cara a proceder á aprobación provisional do documento, unha aprobación que deberá producirse este mesmo mes de setembro para evitar a caducidade do instrumento provisional polo que se rexe o urbanismo da cidade desde xullo do ano 2019.

Deste xeito, o Goberno galego volve cumprir en tempo e forma coa parte da tramitación do PXOM de Vigo que é da súa competencia, reducindo os prazos ao mínimo co fin de garantir que a veciñanza e o tecido empresarial da cidade poidan contar cun novo e completo plan xeral canto antes. De feito, no caso da Declaración Ambiental Estratéxica emitida hoxe, o departamento autonómico competente tardou seis días en resolver desde que a documentación remitida polo Concello estivo completa, cando o prazo establecido na Lei do solo é de ata dous meses.

Esta non é a primeira vez que a Xunta demostra o seu compromiso e axilidade coa tramitación do novo PXOM de Vigo co fin de dotar á cidade máis grande de Galicia dun novo instrumento de ordenación á altura das súas necesidades e expectativas.

Así, cómpre lembrar que no ano 2017 o Goberno galego regulou por lei as medidas provisionais de ordenación urbanística para dotar de certeza e seguridade xurídica aos concellos, á cidadanía e aos operadores neste eido en caso de anulación do planeamento urbanístico, un cambio normativo que amparou a aprobación do Instrumento de ordenación provisional de Vigo, vixente nestes momentos.

Ademais, ao longo de toda a tramitación do novo PXOM vigués os distintos organismos e departamentos autonómicos consultados nunca superaron o prazo legal de tres meses para emitir os seus informes e a Xunta mantivo sempre a súa disposición a colaborar tanto técnica como economicamente co equipo municipal responsable da súa elaboración e tramitación.

 

Imaxes relacionadas