A Xunta e o concello de Toén analizarán a posibilidade de colaborar nun novo proxecto para completar a humanización do núcleo de Moreiras

1 de 2
2 de 2

Ángeles Vázquez e Ricardo González abordaron a marcha dos traballos que se executan nesta zona no marco dun convenio asinado en 2022 entre ambas administracións

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia e o Concello de Toén analizarán as posibilidades de colaborar nun novo proxecto urbanístico que permitiría completar os traballos de humanización que actualmente se desenvolven no núcleo rural de Moreiras.

Así o acordaron a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor municipal, Ricardo González, que se reuniron esta semana para abordar este e outros asuntos de interese municipal.

Cómpre lembrar que na actualidade xa se está executando unha intervención en Moreiras grazas ao convenio de colaboración asinado en 2022 entre a Xunta e o Goberno local, que cofinancian as obras nun 70% e nun 30%, respectivamente.

Cun orzamento de máis de 325.000 euros, a actuación en marcha inclúe a creación dun novo espazo público dotado de 12 prazas de aparcamento, a construción de ramplas accesibles con miradoiros e escaleiras e tamén dunha senda peonil na que se contempla a recuperación da vexetación e árbores xa existentes así como a plantación de especies autóctonas, elementos cos que se busca mellorar a accesibilidade do conxunto. 

A intención do Executivo local é darlle continuidade aos traballos que se desenvolven actualmente neste núcleo e que, segundo indicou o rexedor, avanzan a bo ritmo. Neste sentido, a vicepresidenta emprazouno a remitirlle o proxecto correspondente á segunda fase da humanización de Moreiras para poder estudar o seu posible encaixe no Plan Hurbe, unha iniciativa impulsada pola Xunta no ano 2010 e a través da cal xa mobilizou ao redor de 165 millóns de euros para financiar máis de 415 intervencións urbanísticas.

Imaxes relacionadas