O delegado territorial da Xunta en Ourense supervisa as obras de humanización da praza pública de Meréns, no concello de Cortegada

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

Gabriel Alén destacou que a Xunta inviste 94.000 euros na mellora da accesibilidade a un espazo que na actualidade se destina a aparcadoiro e a actividades sociais

As obras que se están a desenvolver consisten na renovación do pavimento con lousas de granito silvestre, a canalización soterrada das liñas, a instalación de luminarias LED

Ourense, 21 de setembro de 2023 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde, Avelino Luís de Francisco, supervisou esta mañá as obras destinadas á humanización da praza pública do núcleo de Meréns, no concello de Cortegada, na que a Xunta está a investir 94.000 euros.

O delegado territorial explicou que o obxectivo desta actuación é mellorar a accesibilidade a un espazo que na actualidade se destina a aparcadoiro e a actividades sociais como a elaboración de alfombras florais, e ao redor do cal se sitúan varios elementos do patrimonio cultural municipal como hórreos e a Casa Grande dos Sarmiento.

Esta actuación desenvólvese ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de iniciativas que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Así, a Xunta financia o 70 % da obra e o concello asume o 30 % restante.

Nesa liña, Gabriel Alén destacou que dende a Xunta “consideramos que é necesario acometer actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes e incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais”

As obras que se están a desenvolver consisten na renovación do pavimento con lousas de granito silvestre, a canalización soterrada das liñas, a instalación de luminarias LED encaixadas no chan e a construción de bancos de granito e a colocación sobre soleira de formigón.

 

Imaxes relacionadas