A Xunta e o concello de Cartelle avalían vías de colaboración para humanizar o núcleo de Soutelo

1 de 2
2 de 2

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, avaliaron posibles vías de colaboración para levar a cabo a humanización da contorna da capela de San Ramón, no núcleo de Soutelo.

 

Durante unha reunión que mantiveron recentemente, o alcalde trasladoulle á vicepresidenta o proxecto municipal que ten como obxectivo converter este espazo nun punto de encontro e lecer para a veciñanza.

 

Pola súa banda, Ángeles Vázquez informou ao rexedor da posibilidade de que esta iniciativa municipal se poida acoller aos obxectivos do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010, co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de iniciativas que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Así, de ratificarse a colaboración, a conselleira lembroulle que a Xunta financiaría o 70 % da obra e o concello asumiría o 30 % restante.

 

De feito, este concello xa realizou varias actuacións ao abeiro deste programa como, por exemplo, a humanización dos accesos á praza da Pedreira na Seara e a renovación das infraestruturas na travesía de Outomuro.

 

Cómpre subliñar tamén que, grazas aos acordos de cooperación asinados no marco do Plan Hurbe, desde o ano 2010, mobilizáronse ao redor de 165 millóns de euros para financiar máis de 415 intervencións urbanísticas, das que ao redor de 170 se levaron a cabo na provincia de Ourense, co obxectivo común de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor contornas urbanas e núcleos rurais.

Imaxes relacionadas