A Xunta e o concello de Oroso estudan vías de colaboración en materia de urbanismo e solo industrial

1 de 2
2 de 2

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Oroso, Alexandre Doval, avaliaron posibles vías de colaboración en materia de urbanismo e solo industrial durante unha reunión que mantiveron recentemente.

 

Deste xeito, o rexedor trasladoulle á vicepresidenta segunda o interese municipal en avanzar cara á elaboración dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal para adaptar o urbanismo da localidade á normativa vixente, dado que o actual data do ano 2005. E, nesa liña, tamén abordou a posibilidade de ampliar o parque empresarial de Sigüeiro, xa que, na actualidade, non dispón de ningunha parcela dispoñible.

 

A maiores, no encontro tamén analizaron a reurbanización da praza do Concello, unha actuación que, segundo lembrou a vicepresidenta, podería acoller o chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010, co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de iniciativas que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Así, de ratificarse a colaboración, a Xunta financiaría o 70 % da obra e o concello asumiría o 30 % restante.

 

Por último, tamén abordaron a xestión dos residuos de orixe doméstica no municipio. Ao respecto, a vicepresidenta lembroulle as diferentes liñas de axudas que o seu departamento pon á disposición dos concellos para apoialos na prestación deste servizo, a través do financiamento de proxectos relacionados coa xestión das diferentes fraccións de residuos, así como para a adquisición de material como, por exemplo, contedores ou puntos limpos móbiles.

Imaxes relacionadas