Gabriel Alén salienta a contribución da Xunta ao embelecemento da provincia de Ourense

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

Na provincia de Ourense, 24 concellos e 89 cidadáns se beneficiaron este ano das axudas convocadas para a corrección de impactos paisaxísticos en equipamentos municipais e en vivendas e propiedades particulares, por importe de 747.765,76 €

Gabriel Alén subliñou que o Goberno galego destinou a ambas convocatorias 2 millóns de euros —1 M€ para particulares e 1 M€ para concellos

O delegado territorial explicou no caso dos particulares o importe máximo da achega é de 3.000 €, mentres para as entidades locais pode chegar ata os 40.000 €

Ourense, 3 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa, Susana Vázquez, o local social da Filgueira e o campo de hórreos e lavadoiro na praza de Reboreda, en Porqueira, ámbolos dous espazos reformados ao abeiro das axudas para corrixir impactos paisaxísticos en equipamentos municipais cunha chega de preto de 28.000 euros por parte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Na provincia de Ourense, 24 concellos resultaron beneficiarios este ano, por un importe total de 512.145,58 euros nas dúas liñas de axudas. Polo que respecta ás axudas a particulares, foron 89 as subvencións concedidas, por un importe de 235.620,27 euros. En total, na provincia de Ourense concedéronse 747.765,76 €.

O delegado territorial explicou que o Goberno galego, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), convocou dúas liñas de axudas dirixidas a particulares e a concellos para executar actuacións que permitan corrixir os impactos paisaxísticos causados polo paso do tempo ou unha mala conservación en vivendas, edificios e equipamentos públicos municipais. Os particulares beneficiarios recibirán un máximo de 3.000 euros, mentres que para as entidades locais o límite estará en 40.000 euros.

Gabriel Alén subliñou que o Goberno galego destinou á terceira convocatoria destas axudas un orzamento total de 2 millóns de euros,1 millón para particulares e 1 millón para concellos.

Actuacións subvencionables e tipos de edificacións

Entre as actuacións subvencionables inclúense, no caso dos propietarios particulares, obras de revestimento e pintura de fachadas sen rematar, renovación dos acabados e remates exteriores de edificacións e vivendas —tamén das cubertas—, acondicionamento de peches de fincas e muros de cerramento ou substitución de celosías.

En canto ás subvencións para concellos de menos de 20.000 habitantes, distínguense dous tipos de actuacións: a Liña I, dirixida a actuar sobre o exterior de edificios ou dependencias de tipo sanitario, educativo, cultural ou administrativo-institucional; e a Liña II, pensada para recuperar equipamentos e elementos de uso público —fontes, palcos de música, lavadoiros e hórreos— que debido ao desuso ou a unha deficiente conservación teñan un impacto indesexable sobre a súa contorna.

Éxito dunhas axudas pioneiras e novidades da convocatoria de 2023

Tralo éxito acadado na primeira convocatoria, publicada no ano 2021, o delegado explicou que a Xunta decidiu, no marco da súa aposta polo fermosismo, brindar de novo apoio económico a aqueles cidadáns e concellos dispostos a executar actuacións de renovación, mellora e acondicionamento sobre edificacións da súa titularidade co fin de lograr unha repercusión positiva sobre a contorna, demostrando así o seu compromiso co coidado e a protección paisaxística.

Cómpre lembrar que o balance en Galicia das dúas primeiras ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos correspondentes aos anos 2021 e 2022 foi de máis de 100 entidades locais e case 1.500 particulares beneficiarios.

Imaxes relacionadas