Ángeles Vázquez e o alcalde de Boqueixón analizan vías de colaboración en materia de urbanismo

1 de 1

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023 A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse recentemente co alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, para analizar posibles vías de colaboración en materia de urbanismo.

Deste xeito, durante o encontro o rexedor trasladoulle á vicepresidenta segunda o interese municipal en actuar en varias contornas do municipio de cara a avanzar na súa humanización co obxectivo de recuperalas como punto de encontro e lecer para a veciñanza.

Nese senso, a conselleira lembroulle que o Goberno galego impulsou no ano 2010 o chamado plan Hurbe, que ten como finalidade axudar ás administracións locais a financiar este tipo de iniciativas que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Así, de ratificarse a colaboración, a Xunta financiaría o 70% da obra e o concello asumiría o 30% restante.

De feito, grazas aos acordos de cooperación asinados no marco do Plan hurbe, desde o ano 2010 se mobilizaron ao redor de 165 millóns de euros para financiar máis de 415 intervencións urbanísticas, co obxectivo común de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor contornas urbanas e núcleos rurais

Imaxes relacionadas