A Xunta abre unha rolda de contactos co sector para informar sobre as novas condicións para converter os baixos comerciais sen uso en vivendas

1 de 1

Ángeles Vázquez explica que os cambios introducidos permitirán que en zonas delimitadas polos concellos se flexibilicen os requisitos para permitir ese uso residencial dos baixos comerciais sen necesidade de modificar os planeamentos urbanísticos

Ourense, 10 de outubro de 2023

A Xunta abre unha rolda de contactos co sector inmobiliario para “dar información detallada” sobre as novas condicións para converter os baixos comerciais e entrecháns que leven tempo sen uso en vivendas logo da aprobación do decreto polo que se actualizan as normas de habitabilidade de Galicia, que entrará en vigor o vindeiro luns 16 de outubro.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá nunha reunión informativa co sector inmobiliario sobre esta actualización normativa que vai permitir aumentar a oferta de vivendas dispoñibles que debería traducirse en alugueiros máis baixos e evitar a sensación de abandono que xera ter baixos sen usos nas cidades.

Nesa liña, a vicepresidenta segunda explicou que os cambios introducidos permitirán que en zonas delimitadas polos concellos se flexibilicen os requisitos para permitir ese uso residencial dos baixos comerciais sen necesidade de modificar os seus planeamentos urbanísticos. Deste xeito, os concellos terán potestade para delimitar espazos concretos nos que se eximan ou maticen os requisitos para levar a cabo esa modificación, tendo en conta que son os maiores coñecedores do seu territorio e das necesidades dos seus habitantes.

Con todo, a conselleira incidiu en que sempre deberá garantirse a calidade de vida mantendo as condicións necesarias de intimidade, luz, ventilación e superficie útil, que será dun mínimo de 40 metros cadrados.

Para concluír, Ángeles Vázquez puxo en valor que estas modificacións foron amplamente debatidas e consensuadas no Observatorio da Vivenda de Galicia e no Comité Asesor de Habitabilidade.

Imaxes relacionadas