A Xunta licita por case 4,4 M€ a obra de remate dun edificio de 24 vivendas de promoción pública en Santiago

O obxectivo é completar os traballos xa iniciados e cuxo contrato foi rescindido polas dificultades atopadas no subsolo da parcela e a suba dos prezos construtivos

O IGVS tamén licitará proximamente a promoción doutros 2 edificios no barrio compostelá de Lamas de Abade, con 24 e 12 vivendas de promoción pública cada un

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia licitou esta semana por un orzamento de 4.390.485,10 euros as obras de remate da construción dun edificio de 24 vivendas de promoción pública (VPP) en Santiago de Compostela, localizado concretamente na parcela 4B2 do SUNP 13, en dirección á Estrada.

Cómpre lembrar que esta obra xa está iniciada, téndose realizado xa os traballos situados baixo a rasante do terreo —escavacións, cimentación e sotos—, así como a placa da planta baixa. As dificultades atopadas pola empresa adxudicataria nos traballos de escavación, con múltiples conducións de servizos públicos no terreo que foi necesario desviar, así como os incrementos dos prezos dos subministros da construción, fixeron que a continuación do contrato resultase imposible, polo que foi rescindido.

Agora, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) licita as obras para rematar os traballos xa iniciados, cun prazo de execución previsto de 12 meses segundo figura no propio contrato.

O inmoble contará cun total de 24 VPP, das que 5 disporán de 4 dormitorios (cunha superficie útil total de entre 106 e 112 metros cadrados), 13 vivendas terán 3 cuartos (entre 93 e 109 metros cadrados) e as outras 6 unicamente 2 (79,30 metros cadrados de superficie útil). Todas as vivendas contarán, ademais, con rocho e praza de garaxe.

Ademais, o IGVS licitará proximamente as obras de construción doutros 2 edificios na capital galega, que albergarán 24 e 12 vivendas de promoción pública respectivamente e que se levantarán en 2 parcelas propiedade do IGVS e localizadas no SUNP 12, na zona de Lamas de Abade. A promoción destes inmobles cofinanciarase co programa NextGenerationUE, cunha achega da Xunta de máis de 4,2 millóns de euros e 1,76 millóns procedentes de fondos europeos.