Galicia participa no II Foro urbano de España que aborda en clave europea o debate sobre o futuro das cidades

1 de 1

Granada, 16 de outubro de 2023 Galicia participa hoxe e mañá en Granada no II Foro Urbano de España, unha cita que se celebrou no ano 2021 por primeira vez e que se consolida con esta segunda edición como o evento máis importante do país sobre desenvolvemento urbano sostible e cumio de referencia tamén a nivel europeo.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu en nome e representación da Xunta á primeira xornada celebrada hoxe, na que o debate se centrou no desenvolvemento futuro das cidades desde o punto de vista urbanístico e da mobilidade.

O obxectivo principal do Foro Urbano é dar a coñecer e poder compartir experiencias a nivel local, autonómico, nacional e internacional relacionadas coa implementación das Axendas urbanas, entendidas como políticas e estratexias de sostibilidade integrada. De feito, Rivas interveu esta tarde nunha mesa redonda xunto a representantes autonómicos dos gobernos de País Vasco, Andalucía, Castela e León e Castela-A Mancha para falar das axendas urbanas subnacionais e expoñer o caso galego.

Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta incorporou os obxectivos que se marcan tanto a Axenda Urbana Española como a Axenda para o Desenvolvemento Sostible 2030 na Lei galega de ordenación do territorio, co fin de outorgarlle rango normativo ás políticas e accións destinadas a favorecer un uso racional e equilibrado do territorio.

A cita contou con relatores nacionais e internacionais, entre os que cómpre destacar a Shipra Narang Suri, xefa da sección de Prácticas Urbanas de ONU-Hábitat e que interveu esta mañá durante a inauguración do encontro. En todo caso, o foro concíbese como unha gran plataforma multinivel de participación aberta a todos os actores e axentes relevantes do sector, incluídos os diferentes ámbitos sectoriais de goberno, cidades, municipios e territorios, así como o resto dos actores da sociedade civil e académica, para compartir, propoñer e intercambiar ideas e boas prácticas neste eido.

Imaxes relacionadas