A Xunta abre hoxe o prazo para solicitar axudas de ata 30.000 € para recuperar edificios e vivendas nas tres áreas de rehabilitación supramunicipais de Galicia

A convocatoria saíu publicada onte no Diario Oficial de Galicia e os propietarios e comunidades de veciños interesados poderán acollerse ata o 30 de novembro

A dotación reservada para financiar intervencións na ARI dos Camiños de Santiago ascende a 5,47 M€, 7,5 veces máis que o importe da convocatoria de 2022, e a partida para a ARI da Ribeira Sacra crece ata os 1,1 M€, o dobre que o ano pasado

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023

Os particulares e comunidades de propietarios con vivendas e edificios residenciais localizados nalgunha das tres Áreas de rehabilitación integral (ARI) supramunicipais de Galicia —a dos Camiños de Santiago, a da Ribeira Sacra e a do Parque Nacional das Illas Atlánticas— xa poden solicitar acollerse ás axudas de ata 30.000 euros que, un ano máis, permitirán recuperar e rehabilitar inmobles dentro destes ámbitos.

A Xunta de Galicia destinará este ano un orzamento global de 6.617.000 euros a estas subvencións, cuxa convocatoria saíu publicada onte no Diario Oficial de Galicia e que terá aberto o prazo para a presentación de solicitudes ata o vindeiro 30 de novembro.

En concreto, para a ARI dos Camiños a dotación para 2023 será de 5.472.000 euros, para a da Ribeira Sacra ascenderá a 1.133.000 euros e no caso da ARI das Illas Atlánticas, convocáronse axudas por un total de 12.000 euros.

Cómpre subliñar que estes fondos supoñen un notable incremento respecto ás partidas convocadas o ano pasado para rehabilitación nas tres ARI supramunicipais, destacando especialmente os 5,4 millóns da ARI dos Camiños —7,5 veces máis que o importe da convocatoria realizada en 2022—, e os 1,13 millóns reservados para Ribeira Sacra —aproximadamente o dobre que o ano pasado—.

Para poder acollerse a estas subvencións é requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén despois de realizar as obras de rehabilitación, para as que previamente deberá obterse a cualificación provisional.

Beneficiarios das actuacións

No ámbito das ARI supramunicipais poderán solicitar a cualificación provisional as comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades; as agrupacións de propietarios; e as persoas físicas titulares de edificios residenciais ou vivendas.

A contía das axudas non poderá superar o 50% do importe subvencionable da actuación. Este límite incrementase ata o 75% se os ingresos da unidade de convivencia promotora da actuación e residente na vivenda son inferiores a 3 veces o IPREM ou cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos. O importe máximo das axudas poderá acadar os 30.000 euros.